Caudal Fest segue a dar forma á edición de 2027 e faino agora coa incorporación do seu novo cabeza de cartel, La Oreja de Van Gogh. Tal e como destacan nun comunicado, o grupo donostiarra é unha das bandas máis exitosas e recoñecibles da historia da música do noso país.
Desde finais dos anos 90, convertéronse nun “auténtico fenómeno de masas” e nunha das maiores fábricas de cancións da música popular española. Millóns de discos vendidos, miles de millóns de reproducións en plataformas dixitais, decenas de discos de ouro e platino e unha colección inagotable de éxitos fixeron de La Oreja de Van Gogh unha banda capaz de transcender xeracións.
A banda vive, ademais, un dos momentos máis especiais da súa carreira. O regreso de Amaia Montero, vocalista histórica, líder e membro fundador da formación, marcou en 2026 o comezo dunha nova etapa e espertou unha enorme expectación entre os seus seguidores.
Tras un regreso multitudinario, Caudal Fest confirma agora a La Oreja de Van Gogh como un dos grandes cabezas de cartel da súa próxima edición, que terá lugar os días 17 e 18 de setembro de 2027 no Xardín do Palacio de Feiras e Congresos de Lugo.
UN CARTEL QUE SEGUE MEDRANDO
A incorporación de La Oreja de Van Gogh reforza unha programación que xa conta con algúns dos nomes máis destacados da escena nacional. Durante a pasada edición de Caudal Fest avanzáronse as primeiras confirmacións para 2027, entre as que se atopan Viva Suecia, Sidonie, Niña Polaca, Puño Dragón, Gara Durán e Rata.
