O acusado dunha agresión sexual cometida en Lugo en xuño de 2024 aceptou este luns, ante a Audiencia Provincial de Lugo, unha pena de dous anos de prisión tras acadar un acordo de conformidade coas acusacións. O home, nado en 1992 e sen antecedentes penais, recoñeceu os feitos e ingresou este mesmo luns 6.000 euros dos 12.000 euros fixados como indemnización para a vítima.
A condena recolle tamén unha prohibición de achegarse á muller a menos de 500 metros durante cinco anos, así como a prohibición de comunicarse con ela por calquera medio durante o mesmo período. Ademais, deberá cumprir catro anos de liberdade vixiada unha vez remate a pena de prisión e terá unha prohibición de exercer durante un ano actividades ou profesións que impliquen contacto con menores.
A pena de prisión queda suspendida ao non superar os dous anos e ao terse producido unha reparación parcial do dano. O acusado disporá de tres anos para completar o pagamento da responsabilidade civil, mediante cotas de 200 euros ao mes durante 36 mensualidades. A suspensión queda condicionada a que non volva delinquir e a que faga fronte ao pagamento da indemnización pendente.
O acordo ten en conta as circunstancias atenuantes de reparación do dano e confesión. Así mesmo, eliminouse a solicitude de expulsión do territorio español debido ao seu arraigamento.
FEITOS
Os feitos remóntanse á madrugada do 21 de xuño de 2024. Segundo o relato incorporado ao procedemento, o acusado e a vítima estaban de celebración pola rúa e consumiran alcol. A muller comezou a sentirse mal e pediulle ao acusado que a acompañase ata o seu domicilio. Porén, en vez de levala á casa, o home trasladouna á súa vivenda, onde posteriormente se produciu a agresión sexual.
Segundo o escrito da Fiscalía, a muller atopábase nunhas condicións que lle impedían prestar un consentimento sexual válido debido á inxesta previa de bebidas e de medicación pautada para a ansiedade. Tras quedar ambos durmidos, o acusado quitoulle a roupa e mantivo relacións sexuais con ela a pesar de que, segundo a acusación, a vítima expresou verbalmente a súa negativa.
A muller conseguiu finalmente abandonar a vivenda e regresar ao seu domicilio, desde onde foi trasladada ao HULA para recibir asistencia sanitaria. A exploración médica detectou un eritema na forquita vaginal e a vítima denunciou os feitos ese mesmo día.
A Fiscalía solicitara inicialmente para o acusado unha pena de oito anos de prisión, ademais de 15 anos de prohibición de aproximación e comunicación, seis anos de liberdade vixiada e 18 anos de inhabilitación para traballos con contacto habitual con menores. A acusación particular mantiña a mesma petición de pena acordada finalmente, aínda que reclamaba unha indemnización de 15.000 euros.
O acusado permaneceu inicialmente en prisión provisional, decretada polo Xulgado de Instrución número 2 de Lugo o 22 de xuño de 2024. Posteriormente, a Audiencia Provincial acordou un mes despois a súa posta en liberdade provisional con medidas cautelares de afastamento e comparecencias periódicas.
