A Fiscalía solicita un total de sete anos de prisión para un empresario acusado de empregar dous traballadores migrantes en situación irregular en España e sometelos, segundo o escrito de acusación, a condicións laborais que atentaban contra os seus dereitos. O procedemento continúa aberto despois de que este martes se celebrase unha vista previa na que as partes non chegaron a un acordo, polo que quedaron convocadas para unha nova sesión nos vindeiros meses.
Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, o acusado, titular e administrador único da empresa, tería empregado de maneira continuada desde 2020 un traballador de nacionalidade venezolana e, desde maio de 2022, outro de nacionalidade colombiana, malia saber que ambos se atopaban en situación irregular en España e carecían de permiso de residencia e traballo. A acusación sostén que os dous traballaban como peóns de albanelería en diferentes obras de construción e reforma da provincia de Lugo. Non dispuñan de contrato por escrito e cobraban 50 euros en man por cada xornada traballada.
De acordo co relato da Fiscalía, tiñan que estar dispoñibles desde as 7.30 horas para seren recollidos polo empresario e trasladados ás obras que este determinase, onde permanecían traballando ata polo menos as 20.30 horas, cunha pequena pausa para comer. O Ministerio Fiscal afirma ademais que ningún dos dous estaba dado de alta na Seguridade Social nin recibía nóminas ou documentación que acreditase o pagamento dos salarios. Tampouco se lles terían aboado as horas extraordinarias nin a parte proporcional das pagas extraordinarias, nin se lles tería garantido o descanso semanal ou as vacacións. A acusación engade que, desde agosto de 2022, o empresario tería deixado voluntariamente de pagar as cantidades pactadas, malia continuar empregándoos.
SEN FORMACIÓN NIN PROTECCIÓN FRONTE ÁS CAÍDAS
O escrito de acusación pon especial énfase nas condicións de seguridade nas que, segundo a Fiscalía, se desenvolvían os traballos. Os dous empregados realizaban, entre outras tarefas, retirada e limpeza de cubertas deterioradas e colocación de tellados de lousa en vivendas unifamiliares. Segundo o Ministerio Público, carecían de formación e información en materia de prevención de riscos laborais e tampouco foran sometidos aos correspondentes recoñecementos médicos. A Fiscalía sostén igualmente que non dispoñían de roupa axeitada nin de equipos de protección individual ou colectiva destinados a evitar cortes e caídas de altura. Así mesmo, as obras carecían de documentación preventiva e dun Plan de Seguridade e Saúde debidamente aprobado.
601 DÍAS PARA CURAR TRAS UN ACCIDENTE CUNHA RADIAL
En setembro de 2020, un dos traballadores sufriu un accidente mentres empregaba unha máquina radial nunha obra situada en Queizán, en Lugo. Segundo o relato da Fiscalía, o empregado sufriu un corte no brazo que requiriu tratamento médico e varias intervencións cirúrxicas. O traballador tardou 601 días en curar e quedaron como secuelas unha lesión severa do nervio cubital do antebrazo esquerdo, varias cicatrices, perda de calidade de vida e incapacidade para desenvolver o seu traballo ou actividade profesional. A Fiscalía sostén que, ao non estar dado de alta na Seguridade Social, non percibiu ningunha retribución durante a baixa e tivo que asumir parte dos gastos sanitarios derivados do accidente. O Ministerio Público engade que o empresario tampouco tiña contratado un seguro de responsabilidade civil para os accidentes destes traballadores.
TRES DELITOS E SETE ANOS DE PRISIÓN
A Fiscalía considera que os feitos poderían ser constitutivos dun delito contra os dereitos dos traballadores, outro contra a seguridade dos traballadores e un delito de lesións por imprudencia grave. Polo primeiro dos delitos solicita tres anos e seis meses de prisión, ademais dunha multa de 6.000 euros e inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo. Polo delito contra a seguridade dos traballadores pide outros dous anos de prisión, unha multa de 7.200 euros e inhabilitación para exercer unha profesión ou actividade relacionada coa construción. Finalmente, polas lesións por imprudencia grave reclama un ano e seis meses de prisión. En total, as penas solicitadas polo Ministerio Fiscal suman sete anos de cárcere. A defensa, pola súa banda, nega os feitos e solicita a libre absolución do acusado.
MÁIS DE 91.000 EUROS POLAS LESIÓNS E SECUELAS
En materia de responsabilidade civil, a Fiscalía reclama que o acusado indemnice os dous traballadores polas cantidades que deixaron de percibir durante o período no que estiveron traballando. No caso do empregado que sufriu o accidente, o Ministerio Público reclama ademais 32.754,35 euros polas lesións, outros 1.983,89 euros polas intervencións cirúrxicas e 56.521,67 euros polas secuelas e polo prexuízo moral derivado da perda de calidade de vida. A estas cantidades deberán sumarse os gastos médicos que poidan acreditarse. O escrito de acusación solicita tamén o pagamento ao Sergas dos gastos médicos derivados da asistencia sanitaria e á Tesouraría da Seguridade Social das cotas que se deixaron de ingresar polos dous traballadores, xunto cos correspondentes xuros.
