InicioDeportesNova cátedra en Lugo creada entre USC e Lactalis para afrontar o...

Nova cátedra en Lugo creada entre USC e Lactalis para afrontar o futuro da gandaría galega

A reitora da USC, Rosa M. Crujeiras, destacou durante a presentación a importancia de que a universidade manteña unha relación directa co territorio e, especialmente, cun sector de tanto peso para Galicia e para a provincia de Lugo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Lactalis España deron un novo paso na súa relación de colaboración, que se prolonga desde hai máis de 15 anos, coa creación dunha cátedra destinada a impulsar a innovación e o emprendimiento no sector gandeiro galego.

A iniciativa, presentada este mércores en Lugo, pretende converterse nun punto de encontro entre a universidade, as empresas e os profesionais do campo para transformar o coñecemento científico en solucións útiles para as explotacións.

A Cátedra USC-Lactalis España de Innovación e Emprendimiento Gandeiro nace nun momento no que o sector afronta importantes desafíos. A substitución xeracional, a necesidade de mellorar a rendibilidade das explotacións, a incorporación de novas tecnoloxías, a sustentabilidade ou o benestar animal son algúns dos asuntos que marcarán o futuro da gandaría galega e que estarán no centro das actividades da nova iniciativa.

A reitora da USC, Rosa M. Crujeiras, destacou durante a presentación a importancia de que a universidade manteña unha relación directa co territorio e, especialmente, cun sector de tanto peso para Galicia e para a provincia de Lugo. “Necesitamos coñecer de preto as necesidades do sector”, sinalou, defendendo a cátedra como un espazo para traballar conxuntamente en problemas concretos e converter a investigación en respostas aplicables á realidade das explotacións.

Crujeiras incidiu ademais en que innovar non significa unicamente incorporar novas tecnoloxías, senón tamén “facer algo mellor de como o facemos”, mellorar os procesos existentes e xerar novas oportunidades. Neste sentido, puxo en valor a experiencia acumulada pola USC e Lactalis e a oportunidade de aproveitala para dar resposta aos retos que ten por diante o sector gandeiro.

A cátedra estará dirixida polos profesores Javier Bo Lema e Javier Diéguez e contará con actividades de formación, investigación, transferencia de coñecemento e divulgación. O seu propósito será achegar a estudantes, investigadores, técnicos e gandeiros e facilitar que os avances desenvolvidos desde a universidade teñan unha aplicación directa no campo.

As primeiras actuacións xa están en marcha. Lactalis España participará no Máster de Produción de Leite da USC, incorporando profesionais da compañía á formación dos futuros especialistas. Benestar animal, sustentabilidade e descarbonización das explotacións serán algúns dos ámbitos que se abordarán desde a experiencia empresarial.

A esta iniciativa súmase a elaboración dun Manual de Boas Prácticas no Manexo do Vacún de Leite, desenvolvido conxuntamente por especialistas da Facultade de Veterinaria de Lugo e profesionais de Lactalis. A publicación, que será presentada proximamente, recollerá recomendacións sobre bioseguridad, alimentación, benestar animal, calidade do leite, xestión das explotacións e sustentabilidade ambiental.

O proxecto ten unha especial relevancia en Lugo, unha provincia estreitamente vinculada á produción láctea. Lactalis conta con dous centros de produción en Galicia, en Vilalba e Nadela, que xeran 340 empregos directos. A compañía recolleu o pasado ano preto de 500 millóns de litros de leite de 893 gandarías repartidas por 128 municipios galegos, a través dunha rede de 132 rutas de recollida diaria.

A relación de Lactalis con Galicia remóntase varias décadas atrás. A compañía considera a comunidade un territorio estratéxico para a súa actividade e mantén unha importante rede de provedores e gandarías. En 2025 realizou investimentos superiores a seis millóns de euros nos seus centros galegos e efectuou compras por máis de 240 millóns de euros a 1.047 provedores da comunidade.

O director de Lactalis Compras e Subministracións, José Sáez, defendeu que a nova cátedra supón algo máis que a posta en marcha dunha iniciativa puntual. “É un novo paso” nunha colaboración de máis de quince anos coa USC, co obxectivo de impulsar o talento, a innovación e a transferencia de coñecemento e contribuír á transformación e competitividade da gandaría galega.

Desde a compañía tamén se destacou o carácter estratéxico de Galicia dentro da súa actividade en España e o papel que desempeñan as explotacións gandeiras en toda a cadea de valor. A aposta pasa agora por reforzar esa conexión e converter a experiencia acumulada durante anos en novas ferramentas e solucións para os profesionais do sector.

+ posts

ÚLTIMAS

Candia presume do éxito do Caudal Fest tras xuntar a “40.00 persoas”

O Caudal Fest pechou este fin de semana a súa oitava edición con preto...

O PP denuncia que Lugo sexa “a única provincia sen posto principal da Garda Civil”: “É unha discriminación máis”

Os senadores lucenses do PP, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano,...

A Fiscalía eleva a 12 anos e medio a petición de cárcere para o acusado de maltratar e agredir sexualmente a filla de 4...

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este luns o xuízo contra un home acusado...

Acusado de introducir droga no cárcere de Bonxe tras regresar dun permiso penitenciario

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá o vindeiro venres a audiencia preliminar do caso...