InicioPolíticaO PP provincial acusa de "sectarismo e falta de transparencia" o goberno...

O PP provincial acusa de “sectarismo e falta de transparencia” o goberno da Deputación de Lugo

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, explica que “a propia presidenta se comprometera no Pleno do mes de maio a entregar a programación dos traballos do parque móbil ata fin de ano”

PUBLICADA O

- Advertisement -

O portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, incide en que “o goberno de Carmela López continúa instalado no sectarismo e na falta de transparencia”. Así se manifesta o popular tras coñecer o reparto dos medios do parque móbil da Deputación de Lugo aos distintos Concellos da provincia neste ano 2026.

Ameiijide explica que “a propia presidenta se comprometera no Pleno do mes de maio a entregar a programación dos traballos do parque móbil ata fin de ano”. Pero, despois de ter solicitado formalmente a información a finais do mes de maio, “o que recibimos dous meses despois é unha listaxe de concellos no que se levaron a cabo tarefas durante este 2026 -sen ningún tipo de información detallada-, pero non a programación completa ata finais de ano”.

“Parece unha burla, pero deixa claro que a pesar de que Carmela López presume de ter cambiado a dirección da Deputación, a realidade é que non cambiou nada: continúa faltando transparencia”, subliña. De feito, “non detallan actuacións nin planificación temporal” das mesmas, “como tiñamos solicitado”. Nese sentido, reiteraremos a nosa petición para que “poñer luz ás actuacións e aos períodos de traballo en cada municipio”.

Iso si, coa listaxe achegada, “evidénciase o reparto sectario dos medios do parque móbil provincial ao dirixir, maioritariamente, estes recursos da Deputación de Lugo a Concellos afíns”. Do total de 15 concellos nos que comunican que actuaron as brigadas -tanto de rego como de limpeza- 10 eran gobernados polo PSOE e 1 polo BNG polo que constitúen o 73% do número total de municipios.

“Isto é unha clara discriminación cara aos Concellos gobernados polo Partido Popular, ou o que é o mesmo, para máis da metade dos veciños e veciñas da provincia”, subliña.

Os deputados populares esixen “igualdade de trato” na cesión das brigadas do parque móbil, xa que “segundo o concello se lles permite o uso en vías municipais fronte a outros que só se lle permite en vías provinciais e baixo a tutela dos cargos socialistas da zona”, engade Ameijide.

O Grupo Provincial Popular ten reclamado ese reparto igualitario no Pleno da Deputación ata en dúas ocasións no último mandato -en xullo do 2023 e en xaneiro do 2025-, pero “o goberno provincial de PSOE e BNG négase. Socialistas e nacionalistas votaron en contra”, aclara.

REPARTO SECTARIO DO DIÑEIRO DE TODOS

“Xa advertíamos da mesma liña sectaria de Carmela López ao fronte do goberno da Deputación” toda vez que “copia ao pé da letra o mecanismo de convenios a dedo” para os Concellos gobernados por PSOE e BNG. “E o reparto dos medios do parque móbil é outro exemplo máis”, subliña o portavoz popular.

Así, condena que “o reparto dos recursos da Deputación de Lugo se xestione en función das afinidades políticas de PSOE e BNG e non das necesidades reais dos Concellos e dos veciños e veciñas da provincia”.

Antonio Ameijide censura “o uso partidista do diñeiro de todos” e insiste en defender “unha institución provincial transparente e que trate a todos os lucenses por igual, con independencia de cal sexa a cor política do alcalde ou alcaldesa que goberna o seu Concello”.

+ posts

ÚLTIMAS

Polémica en Lugo polos traxes dos Reis Magos: o BNG denuncia un gasto “innecesario” de 2.541 euros

A organización da próxima Cabalgata dos Reis Magos de Lugo, prevista para o 5...

A falta de cociñeiros obriga a cambiar menús en colexios de Lugo: denuncian que se serven pizzas e empanadas

Os comedores escolares constitúen un servizo fundamental para milleiros de familias, non só pola...

A Deputación de Lugo aproba o maior orzamento da súa historia: 155,2 millóns de euros para 2027 co voto en contra do PP

A Deputación de Lugo contará en 2027 co maior orzamento da súa historia, cun...

A Fiscalía de Lugo toma cartas no asunto tras as ameazas de bomba en decenas de centros educativos

A Fiscalía Provincial de Lugo abriu de oficio dilixencias de investigación para esclarecer a...