Por mor do Día Internacional do Guía Turístico, a celebrar o 21 de febreiro, Guido Álvarez Parga, lanza unha ollada ao sector dende a perspectiva de Lugo e o Camiño Primitivo. Douto en paisaxes culturais e sabedor da importancia dos circuítos internacionais, este Guía Oficial de Galicia é o responsable da campaña en redes sociais #LugoPatrimonioMundial, coa que convoca a toda a sociedade lucense a tomar conciencia do valor patrimonial da cidade.
Como ves o sector do guía turístico en Lugo, en termos de profesionalización e coordinación?
Empecei a facer prácticas como guía no 2006, pero foi no 2015 cando me habilitei como Guía Oficial e comecei a traballar realmente e establemente. Antes tiven experiencias de prácticas pero nunca continuidade. Habiliteime en cinco idiomas –francés, italiano, inglés, castelán e galego– e atopei un gran oco na provincia de Lugo. Comezaron a chamarme case sin moverme, porque hai carencia incluso na cidade; de feito, veñen guías doutras cidades de Galicia. En canto a calidade, podo dicir que as que eu coñezo fanno moi ben.
Van aparecendo iniciativas conxuntas entre vós?
Nese senso podo dicir que estudei a diplomatura na Coruña e o máster en Santiago, tiven moitas experiencias, e a través delas coñecei moita xente dentro do sector turístico. Si que a nivel persoal fixen sinerxias dende o primeiro momento: chamo a xente cando me consultan por determinados servizos que non podo cubrir, e tamén ao revés.
Ben é certo que dende que volvín a Lugo, a finais do 2014, traballei en máis cousas. Ata o de agora, o de guía foi complementario. E dende xaneiro decidinme a experimentar a vía de ser autónomo, e púxenme en contacto coas persoas do sector, particularmente con Lidia de la Fuente [a primeira muller Guía Oficial de Galicia con oficina en Lugo], para comentar as posibilidades e traballar sinerxias.
Dentro das túas experiencias, hai algo do que puideras tirar para axudarte como guía?
Todo foi importante: a formación en idiomas e as experiencias no estranxeiro –Italia, Francia, Inglaterra e Alemaña–, por suposto o máster en Planificación, e sobre todo a beca MACLANDS (Master of Cultural Landscapes), un programa de estudos europeos do Erasmus Mundus e ligado á Unesco. Estiven durante dous anos en Saint Etienne, Stuttgart, Nápoles e Nantes.
Antes de iniciar a campaña #LugoPatrimonioMundial, xa tiña eu unha conciencia do valor dos recoñecementos internacionais. Estudando o MACLANDS afondei nisto, con referencias de paisaxes culturais, e podo falar sobre todo dos Ancares e da Ribeira Sacra, dúas das candidaturas da provincia de Lugo a Patrimonio da Humanidade. A das paisaxes culturais é unha categoría ligada ao tipo de patrimonio que hai en Lugo, e é máis ben recente, coma o patrimonio inmaterial.
Por suposto, puiden tomar conciencia, coas experiencias no estranxeiro, do que hai en Lugo cidade, que para min é o máis forte da provincia. Temos a única muralla romana completa do mundo, e unha inmensidade de patrimonio romano, Santalla de Bóveda, a Domus do Mitreo, unha Pompeia galega en canto aos restos. A lentitude de Lugo, prexudicial en termos de progreso, a nivel patrimonial foi beneficiosa, porque conservamos máis do que se conserva noutros lugares de Europa. Xa había conciencia do patrimonio.
Temos lugares exclusivos sen decatarnos. Lugo é a única capital de provincia dentro dunha Reserva da Biosfera, nun lugar de biodiversidade, e combinado coa historia é un mix espectacular a nivel turístico, tamén para os que vivimos na cidade, para desfrutar a diario de marabillas a todos os niveis.
Estamos xa organizando o Xacobeo 2021, a gran cita para o sector. Varios concellos uníronse para pór en valor o Camiño Primitivo, ao tempo que a Axencia de Turismo está a deturpar a identidade da ruta primixenia. Cales son os elementos que faltan por coidar?
En varias zonas do Camiño Primitivo, e sobre todo na zona de Castroverde atopei que estaban adecentando o Camiño, dende o meu punto de vista, facendo que perdera a orixinalidade: máis ancho, máis artificial.
Para min é notable o feito de que se desviara en Lugo pola Ronda do Carme, que non é nin o trazado orixinal nin o máis bonito, que é o Regueiro das Hortas. Ás veces, no coidado do Camiño se opta pola comodidade, con melloras artificiais, no canto de conservar a autenticidade. E o desvío no barrio do Carme é unha gran perda, porque o Regueiro das Hortas é a Vía Romana XIX, é onde naceu San Froilán… unha zona chea de atractivos potenciais, e que por ser máis difícil de coidar, o estamos a perder.
Boto de menos a posta en valor do patrimonio histórico e natural. Pódese facer máis. E hai que facer un labor de concienciación e inxectar autoestima, que ás veces nos falta a lucenses e galegos. Ás veces non somos conscientes da riqueza que temos. E a campaña #LugoPatrimonioMundial vai nese sentido, é importante que a xente de aquí tome conciencia dos valores que temos, e que os lucenses sexamos os primeiros en facer o Camiño. Repercutirá sen dúbida na mellora do Camiño.
Cando fixen o Camiño Primitivo, certamente bótanse en falta servizos, sobre todo no inverno. Hai dificultades para comer, para comprar, e estaría ben que se estimulase a mellora nos servizos. É un Camiño ao que non se lle deu moito pulo, cando é realmente o primeiro e, atreveríame a dicir, o máis bonito. A zona de Asturias dende Oviedo, a entrada pola Fonsagrada e a chegada a Lugo son treitos espectaculares. E contan co beneficio de non terse explotado tanto coma o Camiño Francés, polo que hai máis oportunidades para darlle autenticidade.
Que suporía situar o casco histórico de Lugo como Patrimonio da Humanidade, á altura do compostelán?
Considero que a nivel promoción da cidade habería un impacto enorme. Hai moita xente que se guía pola listaxe da Unesco para facer visitas. Outro punto, para min o máis importante, é o da autoestima para a poboación local. Os primeiros promotores dun destino turístico son os residentes, e temos en Lugo o exemplo da Muralla de como no 2000 comezou un crecemento enorme da autoestima dos lucenses sobre o que temos na cidade. O mesmo coa Catedral e o Camiño Primitivo en 2015.
Creo que se a cidade se recoñece completa como Patrimonio Mundial, iso fará que vexamos que é máis que a Muralla, a Catedral ou o Camiño Primitivo. Na miña experiencia como guía, traballando tamén para xente de Lugo, doume conta de que os lucenses non coñecen tan sequera o patrimonio que teñen. Máis do setenta e cinco por cento nunca foron polo Regueiro das Hortas, ou á Domus do Mitreo, ou a Santalla de Bóveda, que ten máis turistas internacionais que locais.
Acadar o recoñecemento da Unesco sumaría en identidade e orgullo propio. E suporía entrar en circuitos internacionais, coma a Rede de Cidades Patrimonio Mundial, e a posta en valor de lugares da cidade que aínda non están recoñecidos, e non só da historia romana. Parece que só é Roma, pero Lugo ten patrimonio prerromano, medieval, e toda a arquitectura modernista de Eloi Maquieira. Ten moitas etapas valiosas a nivel patrimonial e por suposto o patrimonio natural.
A campaña #LugoPatrimonioMundial paréceme unha oportunidade para involucrar á sociedade e a tódolos actores turísticos –dende os políticos a axentes de viaxes– á hora de pulir esa candidatura, e tomar conciencia todos de todo o que hai. Un traballo conxunto para que toda a sociedade, incluídos os xestores, tomen conciencia.
O patrimonio cultural e histórico de Lugo central en cinco itinerarios