InicioTerra CháGuitirizGuitiriz acolle o escape room 'Xogal' ao aire libre este vindeiro venres

Guitiriz acolle o escape room ‘Xogal’ ao aire libre este vindeiro venres

A cita, gratuíta e para todos os públicos, celebrarase o venres 26 de xuño ás 19:30 horas na praza do Campo da Feira, coincidindo coas festas patronais de San Xoán

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Guitiriz acollerá o vindeiro venres 26 de xuño unha nova edición de XOGAL, unha innovadora actividade gratuíta ao aire libre que combina xogo, patrimonio, cultura e diversión para todas as idades. A experiencia dará comezo ás 19:30 horas na praza do Campo da Feira e permitirá ás persoas participantes descubrir a historia, as lendas e os recunchos máis emblemáticos do municipio a través dunha aventura inmersiva e colaborativa.

Baixo o título ‘Entre a auga e o lume’, a proposta está ambientada na noite máis máxica do ano e coincidirá coa celebración das festas patronais de San Xoán.

O escape room está deseñado pola empresa galega Escapeo, que transforma cada localización nun gran taboleiro de xogo con probas que os equipos deberán superar para avanzar na aventura. Cada experiencia busca poñer en valor o territorio a través da exploración de espazos singulares, personaxes históricos, tradicións e lendas locais.

As inscricións xa están abertas e poden realizarse escaneando o código QR do cartel da actividade ou a través da web escapeo.com/xogal. Para participar só é necesario formalizar a inscrición e dispoñer dun teléfono móbil con batería suficiente, conexión a internet e ganas de gozar dunha experiencia diferente. Non é preciso descargar ningunha aplicación, xa que o xogo funciona directamente desde o navegador web.

A actividade está recomendada para maiores de 12 anos. No caso dos menores desa idade, será obrigatoria a compañía dunha persoa adulta responsable. Ademais do recoñecemento ao equipo gañador, a organización realizará un gran sorteo final entre todas as persoas participantes.

Esta iniciativa está promovida polos GDRs Terra Chá, Terras de Miranda, Montes e vales orientáis e Miño Ulla, en colaboración con outros Grupos de Desenvolvemento Rural, e forma parte dun programa que chegará a un total de dez municipios da comarca: Cervo, Lourenzá, Guitiriz, Foz, Negueira de Muñiz, Meira, Monterroso, Taboada, A Fonsagrada e Castro de Rei.

Unha vez rematada a actividade presencial, o percorrido permanecerá dispoñible durante un mes na plataforma de Escapeo para que calquera persoa interesada poida realizalo de forma autónoma e gratuíta.

+ posts

ÚLTIMAS

Operación policial en Lugo para desarticular unha rede que explotaba mulleres colombianas, hai un detido

A Policía Nacional, nunha operación desenvolvida conxuntamente con autoridades policiais de Colombia, desarticulou unha...

O Concello de Lugo inicia actuacións para a recuperación da contorna do Miño

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, visitou hoxe a contorna dos Robles para presentar...

A Deputación comeza as obras na vía de Louxas en Navia de Suarna

  A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de rehabilitación da vía LU-P-3506,...

A socialista González Abelleira reclama a Candia o aparcadoiro proxectado para o Ceao

A voceira adxunta lembra que o proxecto  conta cun orzamento de 450.000 euros, está...