InicioSociedadeLugo conta cun 90 % de ocupación hoteleira para un Arde Lucus...

Lugo conta cun 90 % de ocupación hoteleira para un Arde Lucus que cumpre 25 anos

A cidade recibe no que vai de ano a máis de 50.000 visitantes, un 21 % máis que no mesmo período do ano anterior.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Lugo afronta desde este xoves unha das edicións máis especiais do Arde Lucus. A festa de recreación histórica celebra este ano o seu 25 aniversario consolidada como un dos principais motores turísticos da cidade e de Galicia, con previsións de ocupación hoteleira superiores ao 90 % durante os catro días de celebración, do 18 ao 21 de xuño. O crecemento turístico da cidade reflíctese tamén nos datos acumulados de 2026. No que vai de ano, un total de 50.405 persoas aloxáronse en establecementos hoteleiros de Lugo, o que supón un incremento do 21,2 % respecto do mesmo período do ano anterior. En total, rexistráronse arredor de 90.000 pernoitas na cidade, un 3 % máis.

Os datos déronse a coñecer este mércores durante a sinatura dun convenio entre a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, quen tamén explicou que as previsións para o verán “son moi boas” debido á visualización do eclipse en case toda a provincia e a outros eventos multitudinarios como o Resurrection Fest ou o Caudal Fest. A través deste convenio de colaboración, a Xunta destina 40.000 euros á organización do Arde Lucus, elevando o investimento autonómico na celebración ata un total de 200.000 euros desde que foi recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Durante a sinatura, Merelles destacou o elevado impacto económico e turístico do evento, que cada ano atrae milleiros de visitantes e se converteu nunha ferramenta fundamental para a promoción do destino Galicia, xa que abre a tempada de verán. O responsable autonómico lembrou ademais que a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, obtida en 2023, reforzou a proxección exterior do Arde Lucus e a súa capacidade para dinamizar a actividade cultural, comercial e hostaleira da cidade.

Pola súa banda, Elena Candia agradeceu o apoio da Xunta e puxo en valor a colaboración institucional para seguir fortalecendo unha celebración que considera “unha das mellores cartas de presentación de Lugo”. A rexedora destacou o papel das asociacións de recreación histórica, dos colectivos culturais, da hostalaría, do comercio e da veciñanza no éxito dunha cita que cada ano gaña relevancia. “O Arde Lucus non é só unha festa; é unha expresión do orgullo que sentimos pola nosa historia e polo que nos fai únicos como cidade”, afirmou a alcaldesa, subliñando que Lugo debe seguir construíndo o seu futuro apoiándose naqueles elementos que a diferencian e a fan especial.

A edición deste ano contará cun amplo programa de actividades destinadas a recrear o pasado romano e castrexo da cidade. Ademais das asociacións lucenses, participarán colectivos de recreación histórica procedentes de distintos puntos de España e Europa, xunto con centros educativos, entidades culturais e o tecido comercial e hostaleiro local.

Tras a sinatura do convenio, Candia e Merelles visitaron o campamento da Cohors III Lucensium, instalado na Praza Maior, un dos espazos máis emblemáticos da festa. Este campamento romano, que forma parte do Arde Lucus desde 2007, constitúe un dos principais atractivos para os milleiros de visitantes que estes días converterán Lugo nunha auténtica cidade romana.

+ posts

ÚLTIMAS

Operación policial en Lugo para desarticular unha rede que explotaba mulleres colombianas, hai un detido

A Policía Nacional, nunha operación desenvolvida conxuntamente con autoridades policiais de Colombia, desarticulou unha...

O Concello de Lugo inicia actuacións para a recuperación da contorna do Miño

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, visitou hoxe a contorna dos Robles para presentar...

A Deputación comeza as obras na vía de Louxas en Navia de Suarna

  A Deputación de Lugo vén de iniciar os traballos de rehabilitación da vía LU-P-3506,...

A socialista González Abelleira reclama a Candia o aparcadoiro proxectado para o Ceao

A voceira adxunta lembra que o proxecto  conta cun orzamento de 450.000 euros, está...