O Concello de Lugo informa de que durante as noites do 15, 16 e 17 de xuño levaranse a cabo os traballos de aglomerado e pavimentación da explanada situada diante da nova Estación Intermodal, unha actuación necesaria para completar a urbanización desta contorna estratéxica da cidade.
As obras afectarán á Praza Conde Fontao e ás rúas San Eufrasio, Castelao e Montero Ríos, onde será necesario realizar cortes totais de tráfico entre as 22.00 e as 7.15 horas. Os traballos desenvolveranse durante tres noites consecutivas a partir do luns día 15.
Co obxectivo de reducir ao máximo as molestias á veciñanza e aos usuarios, os traballos foron programados en horario nocturno, minimizando así a incidencia sobre a circulación habitual e a actividade diaria da zona.
A actuación require executar o aglomerado da explanada nunha única intervención continua para garantir a correcta pavimentación da superficie e a calidade final da obra, polo que non resulta viable realizar os traballos por fases nin de forma parcial.
Desde o Concello recoméndase utilizar itinerarios alternativos durante as horas de corte e planificar os desprazamentos con antelación.
O Goberno local agradece a comprensión da cidadanía ante unhas actuacións necesarias para completar a posta a punto da contorna da nova Estación Intermodal e mellorar as condicións de circulación e accesibilidade da zona.
