A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, avanzou que a institución provincial licitará na próxima xunta de goberno o equipamento das instalacións do Centro de Atención a Maiores de Becerreá. Segundo explicou a administración provincial nunha nota de prensa, este mércores constituíuse a comisión de seguimento do convenio interadministrativo de cooperación entre o Goberno provincial e o Concello de Becerreá para a construción e posta en marcha deste espazo de coidados.
No encontro participou o alcalde de Becerreá, Manolo Martínez, xunto a técnicos e xurídicos das dúas administracións co obxectivo de analizar o estado actual do proxecto, avaliar as actuacións desenvolvidas ata o momento e coordinar os próximos pasos necesarios para a apertura do centro. Así, durante a reunión, Carmela López informou de que levará á próxima xunta de goberno a licitación do equipamento para as instalacións, que inclúe camas, cortinas, mobiliario xeral, equipos médicos ou a lavandaría, entre outros elementos. Un paso que, tal e como destacou, permitirá seguir avanzando na preparación do inmoble para a súa entrada en funcionamento.
Así mesmo, a presidenta detallou que a comisión repasou o estado de execución do proxecto, constatando que as obras principais do Centro de Atención están totalmente acabadas e recepcionadas. Durante a sesión de traballo abordáronse os pasos pendentes para culminar a súa posta en marcha definitiva. Entre eles, a corporación provincial destacou as actuacións complementarias que restan por executar no propio edificio, a tramitación do centro de transformación eléctrica, as obras da cociña, o subministro de mobiliario e os expedientes administrativos necesarios para regular a futura xestión do servizo.
