A XLVIII Semana de Cinema de Lugo xa ten imaxe oficial e foi o artista lucense Diego As o encargado de deseñar o cartel da nova edición do certame, que se celebrará do 21 ao 26 de setembro e que este ano rende homenaxe ao centenario do nacemento de Marilyn Monroe.
A presentación tivo lugar este luns no Concello de Lugo nun acto institucional no que se deu a coñecer unha obra inspirada na figura da mítica actriz estadounidense. O cartel reúne distintas imaxes de Norma Jeane Mortenson, coñecida mundialmente como Marilyn Monroe, convertida nun das grandes iconas da historia do cinema.
O muralista lucense, recoñecido internacionalmente e premiado en varias ocasións entre os mellores artistas urbanos do mundo, firma así a imaxe dunha das citas culturais máis veteranas de Galicia.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou durante o acto a calidade artística da proposta e sinalou que o cartel “é un magnífico reclamo para a XLVIII Semana de Cinema de Lugo e unha excelente carta de presentación dunha das grandes citas culturais que acollerá a cidade o próximo mes de setembro”.
Candia aproveitou ademais para reafirmar o compromiso do Concello coa promoción cultural e co apoio a iniciativas que contribúen a “reforzar” a identidade cultural de Lugo.
A rexedora puxo tamén en valor o traballo desenvolvido durante décadas polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, organizador da Semana de Cinema e presidido por Xulio Xiz.
“Se hoxe Lugo pode presumir dunha cita cultural con case medio século de historia é grazas ao traballo constante de Fonmiñá e das persoas que, xeración tras xeración, mantiveron vivo este proxecto”, afirmou.
Pola súa banda, a deputada provincial Iria Castro agradeceu o labor da organización e destacou a relevancia cultural dun certame que programa ao redor de 200 proxeccións e actividades vinculadas ao mundo audiovisual en distintos espazos da provincia.
No acto participaron tamén representantes de distintas institucións culturais e académicas, entre eles, o director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández Piñeiro; ou a vicerreitora de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, Ana Cabana.
