InicioMovementos sociaisCombater a desinformación: Deputación e CPXG impulsan 20 obradoiros en concellos da...

Combater a desinformación: Deputación e CPXG impulsan 20 obradoiros en concellos da provincia

A Presidenta presentou xunto á decana do Colexio de Xornalistas esta iniciativa, que ten por obxectivo achegar á cidadanía ferramentas para identificar e combater a desinformación, ademais de poñer en valor o papel do xornalismo rigoroso

PUBLICADA O

- Advertisement -

 

A Deputación de Lugo e o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia poñerán en marcha unha programación formativa de 20 obradoiros gratuítos dirixidos á cidadanía, co obxectivo de ofrecer ferramentas para identificar e combater a desinformación, fomentar o pensamento crítico e promover un consumo responsable da información no actual contexto dixital. Así o anunciou este venres no Pazo de San Marcos a Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto á decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, durante a presentación desta iniciativa, que percorrerá 19 concellos da provincia ao longo de todo o ano.

Carmela López agradeceu ao Colexio a implicación para promover esta proposta “útil, necesaria e moi conectada coa realidade que vivimos hoxe”, e destacou a importancia de impulsar estas accións que permitan á cidadanía desenvolverse con maior seguridade fronte á sobreinformación e á proliferación de contidos falsos. “Estamos permanentemente expostas á información e, moitas veces, tamén á desinformación. Mensaxes, vídeos, audios ou publicacións circulan a enorme velocidade e ás veces custa distinguir o que é certo do que non o é”, sinalou.

Neste sentido, a mandataria provincial puxo en valor o papel do xornalismo profesional: “Detrás do xornalismo rigoroso hai contraste, responsabilidade e ética profesional. Hai persoas que dedican horas a verificar informacións, a buscar fontes fiables e a contextualizar o que contan”.

Os obradoiros están abertos ao público en xeral, serán impartidos por xornalistas e colexiados e ofrecerán ferramentas prácticas para identificar bulos, contrastar informacións e promover hábitos de consumo informativo máis seguros e responsables.

Pola súa banda, Belén Regueira afirmou que o Colexio de Xornalistas leva xa tempo traballando a alfabetización mediática con público adolescente, “pero hai tempo que detectamos a necesidade e mesmo a urxencia de estender esta formación tamén ó público adulto” porque a sociedade precisa “ferramentas que permitan distinguir o xornalismo de calidade, pero tamén un consumo crítico da información”.

O Pazo de San Marcos, primeira parada

Os obradoiros contan cun máximo de 35 prazas e as persoas interesadas en participar nalgunha destas accións formativas deberán formalizar a súa inscrición en xornalistas@xornalistas.gal ou a través do seguinte formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSdDPLUNTfCBI8gFSLKJU0Pw-t8L4noGaMF2RummQat9yOK0Rw/viewform

O primeiro taller terá lugar no Pazo de San Marcos o vindeiro venres, 5 de xuño, ás 19:00 horas impartido por Pilar Rodríguez Losada, cunha ampla experiencia como redactora e editora na Televisión de Galicia. Debido á capacidade limitada da sala, para participar neste primeiro obradoiro é necesario inscribirse previamente a través deste formulario online. Tras este primeiro obradoiro, a formación contra a desinformación chegará aos concellos de Barreiros, Burela, Castroverde, Castro de Rei, Chantada, Cervantes, A Fonsagrada, Foz, Friol, Guitiriz, Lugo, Monforte de Lemos, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Sarria, Taboada, Trabada, Vilalba e Viveiro. 

A Presidenta concluíu apelando á responsabilidade colectiva e á necesidade de fomentar o espírito crítico á hora de compartir contidos. “Non podemos resignarnos. Temos que aprender tamén a parar un momento antes de compartir algo ou de dar por certa unha información”, concluíu.

+ posts

ÚLTIMAS

Lugo activa o plan contra as nevaradas: 42 camións e 9.250 toneladas de sal para manter abertas as estradas

A chegada do inverno volve poñer o foco nun dos principais desafíos para a...

Detido tras agredir a unha auxiliar de enfermaría no hospital de Lugo

A Policía Nacional detivo en Lugo un home por agredir unha auxiliar de enfermaría...

Ferido ao caer co coche por un barranco de 30 metros en Becerreá

Unha persoa resultou ferida despois de precipitarse por un barranco duns 30 metros o...

Polémica en Lugo polos traxes dos Reis Magos: o BNG denuncia un gasto “innecesario” de 2.541 euros

A organización da próxima Cabalgata dos Reis Magos de Lugo, prevista para o 5...