O propietario dunha empresa madeireira de Cospeito enfróntase a unha petición de dous anos de prisión pola morte dun motoserrista autónomo que contratara para facer traballos de talla nunha leira de Pastoriza.
O xuízo, que estaba previsto para este luns, suspendeuse pola ausencia por enfermidade dun dos letrados e fixouse para o mes de setembro aínda que existe vontade por todas as partes de chegar a un acordo xa que a aseguradora pagou a responsabilidade civil.
Os feitos remóntanse ao ano 2020, cando o falecido estaba a traballar xunto a un empregado da empresa. Ambos estaban a tallar árbores en distintos puntos da leira cando o empregado se puxo a manobrar coa máquina procesadora marcha atrás e esmagou ao falecido contra o único eucalipto que quedaba en pé.
A Fiscalía considera punibles a falta de medidas e instrucións de coordinación entre a empresa e o falecido, a ausencia de recurso preventivo no lugar e a ausencia de planificación dos traballos. Ademais, a vítima, que traballaba como autónomo, non estaba dado de alta en ningún réxime da Seguridade Social.
Considérase, por tanto, que o propietario da empresa cometeu un delito de homicidio imprudente e solicítaselle, ademais da pena de prisión, a inhabilitación para o exercicio da profesión e oficio.
