A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, asinaron este martes un convenio de colaboración a través do cal a institución provincial achegará preto de 252.000€ ao Concello para financiar diferentes actuacións destinadas á mellora da mobilidade, das infraestruturas e dos espazos públicos do municipio.
O acto de sinatura tivo lugar na Casa Consistorial de Guitiriz, e enmárcase na política de cooperación que a Deputación mantén cos 67 concellos da provincia para impulsar investimentos que contribúan á mellora da calidade de vida da veciñanza.
“Somos unha administración esencial para garantir o avance dos municipios” e puxo en valor “a importancia da colaboración institucional para converter as necesidades dos concellos en proxectos e investimentos reais que repercuten directamente no benestar da veciñanza”.
Entre as actuacións previstas destaca a renovación e ampliación do parque infantil da Praza do Campo da Feira, na parroquia de San Xoán de Lagostelle, cun orzamento de 169.811,57 euros. O proxecto contempla a instalación de novos xogos, un circuíto de equilibrio, elementos inclusivos, novo pavimento de seguridade, mesas de pícnic, papeleiras e sinalización.
A Alcaldesa de Guitiriz subliñou a relevancia desta acción, “un espazo de gran actividade social e cultural, onde se celebra o mercado semanal, as Festas de San Xoán ou a Torta de Millo, ademais da súa proximidade á igrexa de Santa María”.
O convenio inclúe tamén a mellora do acceso ao núcleo de Saa, na parroquia de Santa Leocadia, cun investimento de 59.845,26 euros. A actuación abrangue un tramo de aproximadamente 500 metros e inclúe a limpeza de cunetas, renovación da drenaxe e pavimentación con aglomerado en quente.
En materia de mobilidade urbana, destínanse arredor de 22.000 euros á mellora da sinalización horizontal no centro urbano, con actuacións na contorna da Casa Consistorial, Curro Vello, rúa Vilalba, rúa Concello e zonas próximas ao instituto público, incluíndo medidas de reordenación do tráfico e do estacionamento.
Así mesmo, prevese unha partida de 4.520,68 euros para a sinalización vertical e equipamento municipal, que inclúe a instalación de sinais en distintos puntos do concello e o subministro de conos, valados e espellos para o seu uso en eventos culturais e deportivos.
Finalmente, o convenio incorpora unha inversión de 8.780 euros para melloras na EDAR e na rede de saneamento e abastecemento, que inclúen o subministro dun tambor de rototamiz para a estación depuradora de augas residuais, así como reixas e rexistros para o mantemento da rede.
“Queremos seguir traballando da man dos concellos, atendendo ás súas necesidades e acompañándoos na transformación dos seus territorios, porque investir nos municipios é investir directamente na calidade de vida da xente”, rematou Carmela López.
Renovación da LU-P-2207
Na súa visita a Guitiriz, a Presidenta supervisou tamén o estado da estrada LU-P-2207 que comunica o lugar da Raiola coa parroquia de Buriz pasando por Ponte Corbal, e na que a Deputación vén de licitar unas obras de mellora do firme cun investimento de preto de 251.000€.
A actuación afectará ao tramo comprendido entre as parroquias de Coea e Buriz, entre os puntos quilométricos 7,1 e 11,4, e incluirá a reapertura de cunetas para mellorar a drenaxe da vía, así como a pavimentación con aglomerado en quente.
Trátase dunha estrada de gran importancia para a mobilidade do norte do municipio de Guitiriz, moi utilizada pola veciñanza para acceder a servizos básicos e para conectar estas parroquias coa estrada autonómica LU-170, polo que esta intervención permitirá reforzar a seguridade viaria e mellorar as condicións de circulación.
