A Policía Local de Lugo detivo a un home por tentar agredir con dous coitelos á parella da súa exmoza cando esta se atopaba nunha vivenda acompañada da súa filla menor. Segundo informou o corpo de seguridade nun comunicado, os feitos sucederon na mañá do pasado venres nun inmoble da rúa Mar Cantábrico e foi a propia vítima quen deu a voz de alarma.
Os axentes desprazáronse ata o punto e a vítima indicou que quería denunciar ao home, que se atopaba nese momento no interior do portal do edificio. Segundo o relato policial, o individuo tentou agredilo cando se atopaba coa súa parella —exparella do atacante— e a filla menor dela no interior do domicilio. No momento en que a muller abriu a porta, o home tentou atacar cun coitelo ao outro home, que nese instante tiña á nena en brazos.
O presunto agresor, localizado polos axentes dentro do portal, esgrimiu dous coitelos ante os policías, aos que un veciño lles facilitou o acceso ao interior. Nese punto, iniciouse unha longa negociación, xa que o home asegurou que non ía entregar as armas e que os axentes “terían que disparar”. Con todo, finalmente o individuo depuxo a súa actitude e entregou os coitelos aos axentes, que procederon á súa detención e traslado a dependencias policiais.
