InicioMovementos sociaisA proba provincial de caza do raposo, oculta no calendario oficial

A proba provincial de caza do raposo, oculta no calendario oficial

'Desaparecen' varias modalidades na provincia de Lugo, que concentra a metade dos exemplares abatidos nos campionatos de caza do raposo

PUBLICADA O

- Advertisement -

A crítica social leva aos cazadores a enmascarar e ocultar os polémicos campionatos de caza do raposo. Durante a campaña aínda vixente, este colectivo tivo a complicidade da Xunta de Galicia, que colaborou coas estrataxemas ao ocultar información que debería ser de dominio público. Así, as datas das probas  cinexéticas na provincia de Lugo desapareceron dos calendarios oficiais sen previo aviso.

Para este mes de febreiro había dispostas varias modalidades, mais a única que queda visible é a de práctica de tiro a obxectivos artificiais. Desapareceu a proba provincial de caza do raposo prevista para o día 9 de febreiro, e malia o acordo parlamentario que obriga ao goberno galego a non colaborar con estes eventos, a Xunta obriga a solicitar por escrito a ubicación do campionato lucense.

Cartos públicos

William H. Majoros

O executivo do Partido Popular incumpre asemade a prohibición de patrocinar as probas. Na comisión parlamentar, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, asegurou que non se outorgou partidas específicas para os campionatos, tan só 25.000 euros en 2016, 2017 e 2018 para cursos de seguridade e un encontro de mocidades para a Federación Galega de Caza.

Porén, a esta anualidade cómpre engadir as axudas da Secretaría Xeral para o Deporte, que inclúe nos campionatos de caza do raposo ou da arcea o selo ‘Deporte Galego’. Só en 2018, este departamento asignou 30.000 euros á Federación para gastos xerais da “actividade deportiva ordinaria”. Ademais doa colaboración do goberno autonómico, os cazadores contan con axudas directas dos concellos onde se ubican os maiores tecores e incluso de empresas coma Ence. No pleno de xaneiro, a Deputación ratificou o apoio a este sector e avalou afirmacións pseudocientíficas.

Así as cousas, dende a Xunta explican que non pode prohibirse a caza do raposo porque nos campionados dos últimos sete anos só se abatiron 991 exemplares. Malia todo, Patrimonio Natural admite que esta cifra supón o 1,3 por cento dos 75.779 raposos abatidos nese período, sen contar as batidas ilegais. A metade dos animais foron abatidos na provincia de Lugo.

Impacto sobre o medio natural

Robin West

A poboación de raposos non é a única distorsionada na época de caza. Os cans xeran unha presión innecesaria sobre animais silvestres, en especial sobre os que crían. Acerca deste extremo, Do Campo alegou que a Xunta non autoriza a esgallo, senón que mantén un “control” sobre os tecores e inspecciona que non se dea morte a outras especies.

Como é lóxico, a morte dos raposos afecta aos números do resto da cadea alimentaria. Este animal é cualificado de crucial no control dos posibles portadores de enfermidades contaxiosas, en especial de pequenos roedores, tanto na depredación directa coma no aproveitamento de cadáveres. Deste xeito, o raposo “é un aliado imprescindible”, en palabras do biólogo Martiño Nercellas, na loita contra doenzas emerxentes coma a borreliose, coñecida tamén como enfermidade de Lyme.

Por iso, a prohibición dos campionatos de caza de raposo constituiría unha medida preventiva estratéxica na provincia máis afectada por esta doenza, transmitida pola carracha que vive nos roedores e corzos. A masacre indiscriminada dos cánidos “deriva nunha cadea de expansión das poboacións destes microroedores e garante a maduración de miles de larvas á fase adulta”.

Mike Baird - https://www.flickr.com/photos/mikebaird/2526370079
Mike Baird – https://www.flickr.com/photos/mikebaird/2526370079

Outro aspecto preocupante é o da contaminación. Nos campionatos emprégase munición de chumbo, un metal con consecuencias funestas nos ecosistemas húmidos, segundo un informe da Axencia Europea das Substancias Químicas (ECHA) solicitado pola Comisión Europea. A inxesta pode causar “distorsións agudas e incluso a morte”, non só por predación, tamén a través dos recursos hídricos, fundamentais para os animais migratorios. En humanos, a exposición ao chumbo afecta ao sistema nervioso e á presión arterial.

A ECHA considera que non existe control abondo sobre o emprego de chumbo na caza. En calquera caso, os campionatos carecen de avaliacións ambientais, sen base científica que avale a necesidade de controlar as poboacións de raposos.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Accidente en Guitiriz con tres vehículos implicados e un ferido

Varios vehículos víronse implicados este venres, pouco antes do seis da madrugada, nun accidente...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...