InicioLugo e contornaLugoMoción de censura: O goberno local aluda á "indignación popular" contra a...

Moción de censura: O goberno local aluda á “indignación popular” contra a moción do PP

"A cidadanía vai saír á rúa e vai protestar", asegurou o tenente de alcalde, Arroxo. "Imos gobernar para todos. Ímolo a demostrar", esgrimiu Candia, quen garantiu que o seu goberno se caracterizará "pola normalidade".

PUBLICADA O

- Advertisement -

A presidenta provincial do PP de Lugo e portavoz municipal na cidade, Elena Candia, xustificou o paso de presentar unha moción de censura, que apoia María Reigosa, a edila que deixou o PSOE e está no grupo de non adscritos, co argumento de que a cidade non merece un goberno –o encabezado polo socialista Miguel Fernández co BNG– “débil” e marcado polo “inmobilismo”.

“Non hai compradores nin vendidos”, sentenciou a dirixente popular, nunha rolda de prensa na que compareceu flanqueada polo tamén popular Ramón Carballo e por María Reigosa. O resto de edís estaban detrás.

Sen concretar máis datos sobre o futuro de Reigosa, quen afirmou que non optará á praza convocada en Costas, Candia dixo que “todos terán un papel cumprindo a lei”. Ao tempo, mostrouse convencida de que con Reigosa se traballará “de xeito conxunto” para que as propostas populares –algunhas as enumerou na propia comparecencia– poidan levar adiante.

Máis aló, defendeu o paso co argumento de que “a debilidade” dun goberno que ve “á deriva” non pode “arrastrar á deriva” á cidade. Tamén afeou “parálise e bloqueo” dos proxectos, así como “malgasto” e “incapacidade de xestionar aos recursos humanos”.

“Imos gobernar para todos. Ímolo a demostrar”, esgrimiu Candia, quen garantiu que o seu goberno se caracterizará “pola normalidade”. A comparecencia suspendeuse momentaneamente debido a que unha xornalista sufriu un mareo, aínda que se renovou posteriormente e a dirixente popular respondeu as preguntas dos medios.

ANA PONTÓN: O PP DEBERÁ RESPONDER ANTE A XUSTIZA

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avisou de que os máximos responsables do PPdeG, empezando polo seu presidente Alfonso Rueda, “deberán responder ante a xustiza” se o Partido Popular “compra o voto dunha tránsfuga” cun cargo público.

A líder dos nacionalistas galegos compareceu este mércores ante os medios de comunicación xunto ao tenente de Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, para avisar de que a súa formación “fará seguimento” da praza creada e que PSOE e BNG consideran que iría destinada a María Reigosa, a edila que deixou o grupo socialista e cuxo voto serve para que o PP presente a moción contra o goberno bipartito de Lugo.

“Se isto se confirma é unha vergoña democrática, un escándalo democrático de envergadura”, dixo Pontón, que asegurou que non só é algo “reprobable” desde o punto de vista político, senón que é “unha ilegalidade”.

“E por tanto, os responsables desa ilegalidade, empezando polo señor Rueda, que é o máximo responsable da Xunta de Galicia, terán que render contas ante a xustiza”, subliñou Pontón, que incidiu en que “non todo vale en política”.

O GOBERNO DE LUGO: “INDIGNANTE”

A portavoz do PSOE no goberno de Lugo, Ana González Abelleira, aproveitou a reunión dos temas tratados en xunta de goberno para cualificar de “indignante” a moción de censura que o PP selou con María Reigosa, a edila que deixou o PSOE e que estaba no grupo dos non adscritos.

Indicou que é “unha tomadura de pelo” que se cree unha praza para “comprar unha moción de censura” e acusou tanto a Elena Candia como a María Reigosa de “rexerse por intereses persoais e utilizando métodos que xa estaban esquecidos”. Engadiu que “segue sendo o Partido Popular de sempre, utilizando as formas e maneiras de sempre”.

A socialista insistiu en que a saída dunha praza na Xunta na que se pide un perfil similar ao de María Reigosa “apunta a un delito penal e administrativo”. Por iso, instou aos sindicatos a que “vixíen esta situación porque pode ser un caso de suborno ou prevaricación”.

“INDIGNACIÓN CIDADÁ”

Pola súa banda, o nacionalista Rubén Arroxo aproveitou tamén para repetir a “indignación cidadá” que existe actualmente por este feito, en relación á plataforma que se está formando en contra da moción que impulsan personalidades da cultura. “A cidadanía vai saír á rúa e vai protestar”, asegurou Arroxo.

“OS VECIÑOS NON PERDOARÁN ESTA TRAIZÓN”

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, compareceu arroupado polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e outros cargos socialistas para cualificar a iniciativa de “felonía” e acción “inxusta para a imaxe da cidade”. Fernández acusou a Candia de “asaltar o concello para blindar as eleccións” ante unhas sondaxes que, segundo dixo, favorecen o ascenso socialista. “Utilizou tres mortes e unha tránsfuga na súa carreira persoal”, denunciou o rexedor, quen sostén que a verdadeira ambición de Candia é a Deputación.

Finalmente, Fernández revelou que a ruptura con María Reigosa veu motivada por “prebendas, peticións e cargos” que el non podía cumprir. “Fixen todo o humanamente posible para integrala no equipo, pero non foi posible”, concluíu o alcalde, quen advertiu de que Candia dedicará o ano que resta de mandato a “xudicializar e mercar vontades” cos medios municipais.

+ posts

ÚLTIMAS

Candia e a tránsfuga Reigosa presentan a moción de censura

A moción de censura que arrebatará o goberno de Lugo ao bipartito de PSOE...

María Reigosa non se presentará á praza de Litoral que vinculan ao seu apoio á moción de censura

A edil exsocialista do Concello de Lugo María Reigosa asegurou que non se presentará...

A Deputación inviste en Meira máis de 200.000€ para as obras en tres estradas

A Deputación vén de iniciar as obras de mellora do firme en tres estradas...

O PP de Lugo defende a moción de censura en Lugo: “é para dar estabilidade á cidade”

O presidente da xunta local do Partido Popular en Lugo, Ramón Carballo, levantou o...