Home Sen categorizar Proxección coloquio dos videoclips finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo este xoves no Pazo de San Marcos

Proxección coloquio dos videoclips finalistas dos XXIV Premios Mestre Mateo este xoves no Pazo de San Marcos

0

A deputada de Cultura Iria Castro convida a asistir á proxección coloquio dos videoclips finalistas aos XXIV Premios Mestre Mateo que se celebrará mañá – 12 de marzo, ás 20.15 horas – no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, coa participación de artistas e membros dos equipos de produción e realización dos audiovisuais.

O acto contará coa participación de Fran Fórneas e Sergio Marey, responsable do deseño de vestiario, do videoclip de “Ferido” de O Xoán; de Sara Faro e María Pérez, Fillas de Cassandra, nomeadas polo videoclip de “Hibernarse”; de Sabela Ramil e Paula Pereira, directora do videoclip “Non cho podo dar” e de Nuno García Pico e Xaime Miranda, director do videoclip de “Ontes fun moi malo” de Grande Amore. Conducirá e moderará o coloquio Laura Lamontagne, que tamén actuará durante o acto.

A deputada explicou que “o coloquio será unha oportunidade para coñecer o proceso de produción deste xénero audiovisual, que foi gañando espazo e recoñecemento co  protagonismo cada vez maior de internet e das redes sociais no consumo de música” e sinalou que “a explosión musical que estamos a vivir en Galiza, e que representan moi ben as artistas e bandas dos videoclips finalistas, amplía tamén o campo de traballo para as e os profesionais do audiovisual”.

A actividade, gratuíta e con entrada libre, amplía a programación organizada nas últimas semanas pola Academia Galega do Audiovisual e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor da celebración en Lugo da XXIV Premios Mestre Mateo, que se entregarán por primeira vez en Lugo, no Auditorio Fuxan Os Ventos, o vindeiro 21 de marzo.

+ posts

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here