A Fiscalía Provincial de Lugo decidiu interpor unha querela contra o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, quen o pasado mes de decembro dimitiu como presidente da Deputación Lugo, por “un presunto delito de acoso sexual e de abuso no exercicio da función pública“.
O paso da Fiscalía Provincial prodúcese tras recibir unha denuncia particular por feitos “supostamente delituosos” labores contra unha muller en setembro de 2025. “Considera a Fiscalía que os feitos están suficientemente determinados e posúen indicios fundados de criminalidade para exercer de forma inmediata a acción penal, mediante a apertura dunhas dilixencias de investigación preprocesal (DIP) e a interposición de querela, sen ser preciso efectuar ningunha dilixencia de investigación desde a Fiscalía, de maneira que, unha vez xudicializado o asunto, poidan exercer en toda a súa extensión os dereitos de defensa e contradición”, informa o ministerio público.
O PPdeG ESIXE EXPLICACIÓNS A CARMELA LÓPEZ
O Partido Popular esixe “coherencia” a PSOE e BNG despois de que Fiscalía se querelase contra José Tomé tras presentarse unha denuncia “por un presunto delito de acoso sexual e abuso no exercicio da función pública”.
Antonio Ameijide esixe tanto a socialistas como nacionalistas que “deixen de amparar de inmediato” a José Tomé “e que suspendan todos os acordos que teñen con Tomé, tanto na Deputación como no Concello de Monforte, onde o manteñen na alcaldía”.
O PSOE debe de aplicar “a mesma vara de medir que esixen aos demais”, porque “a realidade que vemos todos os lucenses é que despois de coñecerse estes presuntos feitos o que fixeron dende PSOE e BNG foi subir o salario de Tomé, amparando que se puxera o soldo máximo por lei en Monforte e dándolle más de 30.000€ extra ao ano dende a Deputación”.
Antonio Ameijide tamén insta a José Ramón Gómez Besteiro e Lara Méndez a explicar as decisións tomadas polo seu partido xa que “a nivel galego ampararon todas as decisións que premiaron a Tomé cunha suba salarial e coa presidencia da Deputación na sombra”.
Dende o PP reclaman tamén ao BNG que deixe de mirar a outro lado: “seguen sendo os cómplices de toda esta situación, non sabemos con que cara van a mirar Ana Pontón, Efrén Castro e todos os representantes do Bloque ás mulleres tras vender o feminismo polas súas dedicacións exclusivas”.
O PSOE SUSPENDE O PROCEDEMENTO INTERNO CONTRA TOMÉ
O PSOE anunciou que suspende o procedemento interno aberto contra o alcalde de Monforte, José Tomé, despois de que a Fiscalía Provincial de Lugo decidise interpor unha querela contra el, quen o pasado mes de decembro dimitiu como presidente da Deputación Lugo, por “un presunto delito de acoso sexual e de abuso no exercicio da función pública”.
“Agora corresponde investigar os feitos con rigor e con todas as garantías, respectando tamén a presunción de inocencia, que é un principio básico da nosa democracia”, di o PSOE de Lugo nun comunicado no que destaca no que confía “plenamente na xustiza” nun Estado de dereito.
“As e os socialistas animamos sempre a denunciar, respectando que a decisión de facelo, e o momento no que se fai, pertence única e exclusivamente á vítima”, agrega. Remarca que ao pasar o asunto á vía penal, tal e como establecen as súas normas, o PSOE suspende o procedemento interno aberto na canle antiacoso. “Será a xustiza agora quen determine o que ocorreu e, se procede, as responsabilidades correspondentes, a partir das que actuaremos, como sempre, con responsabilidade, coherencia e respecto ás persoas e as institucións”, conclúe o PSOE.
O BNG DECLARA QUE XA PEDIU A TOMÉ QUE RENUNCIA Á ACTA DE DEPUTADO
O BNG reclamou ao alcalde do Monforte e expresidente da Deputación de Lugo, José Tomé, que deixe de ser deputado provincial (non adscrito). Nun comunicado, sinala que no seu día o Bloque xa “forzou” a dimisión de Tomé como presidente da Deputación, que xa non forma parte do goberno provincial, e esixiu “tamén desde o primeiro momento” a súa renuncia á acta de deputado provincial “por respecto á persoa denunciante, á cidadanía e á política”. “A querela da Fiscalía, coñecida hoxe, reafirma o noso posicionamento tamén neste sentido”, agrega.
Así mesmo, o Bloque mostra o seu “apoio total” ás vítimas nas decisións que tomen. “Ante casos de acoso sexual, é fundamental respectar a vontade e os tempos das vítimas e asegurar, desde as institucións, que se dan as garantías necesarias para que, cando o consideren, acudan aos tribunais, como aconteceu neste caso”, conclúe.
