A Xunta destinará 150.000 euros a recuperar e reconstruír os danos causados polas choivas na muralla romana de Lugo. Así o anunciou este luns o director xeral de Patrimonio Cultural, Anxo Miramontes, quen detallou que os traballos se centrarán na reconstrución do tramo entre as portas do Carme e a de Santiago, estendéndose ata 12 metros para actuar tamén en parte do cubo XVI.
Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé en que o Goberno galego “actuou de inmediato e de urxencia” en canto se produciron os danos no lenzo interior da muralla, á altura da rúa do Moucho, nun tramo “de entre seis e sete metros” comprendido entre ambas portas.
En concreto, subliñou que as actuacións se están executando a “bo ritmo e cumprindo o calendario previsto”, aínda que apostou por “ser prudentes” cos prazos, xa que os traballos dependen das condicións meteorolóxicas, marcadas por precipitacións constantes e cuantiosas. Precisamente, informou de que os estudos técnicos confirmaron que o incidente se produciu polo “desprazamento do muro ao non poder soportar o pulo exercido pola auga acumulada e non existir un sistema eficaz de drenaxe”.
Ademais, incidiu en que o embalsamento afectou a un lenzo interior que non pertence ao trazado orixinal da muralla, senón que procede dunha reconstrución realizada aproximadamente nos anos vinte do século pasado. En todo caso, Miramontes explicou que os traballos destes días estiveron centrados na retirada de material, limpeza da zona e análise da estabilidade das áreas limítrofes.
Así, avanzou que a seguinte fase das actuacións estará enfocada nos recheos da terra interior da muralla e na execución de novos elementos con laxa e morteiro de cal, co obxectivo de replicar os sistemas construtivos orixinais e garantir a conservación deste patrimonio histórico.
