InicioPolíticaJosé Tomé avisa tras deixar a Presidencia da Deputación: "Non pararei ata...

José Tomé avisa tras deixar a Presidencia da Deputación: “Non pararei ata descubrir que hai detrás de todo”

PUBLICADA O

- Advertisement -

José Tomé oficializou este martes a súa renuncia á presidencia da Deputación de Lugo tras as denuncias de acoso sexual presentadas na canle interna do Partido Socialista. Nun pleno extraordinario no Pazo de San Marcos, Tomé reivindicou a súa inocencia e insistiu en que a “presunta denuncia é falsa”. “Non pararei até descubrir que é o que hai detrás”, subliñou.

Tras mostrar o seu agradecemento ao persoal da institución provincial, o até agora presidente da Deputación lamentou que “o dano xa está feito”, en “o político, o familiar e o social”. “Xa non ten volta atrás, pero quen nada fixo nada ten que temer”, concluíu. Ademais, asegurou que todo o ocorrido “obedece a cuestións políticas supraprovinciais”, onde, engadiu, el “non era o único nin o obxectivo principal”.

A continuación celebrarase un pleno ordinario que inclúe unha moción presentada polo Grupo Popular para pedir a reprobación de José Tomé. O portavoz popular, Antonio Ameijide, xa avanzou que tamén pedirán a reprobación da deputada Pilar García Porto, “por encubridora” do caso, e apelou ao BNG: “Hoxe veremos si elixen entre feminismo ou pisar moqueta”.

O PP DEMANDA A SAÍDA DE GARCÍA PORTO

Antes de facer efectiva a renuncia de Tomé, o portavoz popular, Antonio Ameijide, insistiu en declaracións aos medios nos corredores da Deputación en esixir tamén a saída da portavoz socialista, Pilar García Porto, por “encubridora” e cuestionou ao BNG se está disposto “a gobernar con esa mancha”. Alí, Ameijide reprochou que Tomé “quere seguir controlando a Deputación desde a sombra” e aseverou que lle gustaría “coherencia e dignidade” por parte do PSOE ante esta situación.

Neste punto, subliñou que “a solución” a ten o BNG, que, na súa opinión, debe decidir “si quere seguir nunha institución manchada por un presidente que non é digno dela”. “Esta institución está manchada por dúas persoas, polo acosador, porque así o chamou Besteiro, e por quen tapaba, a encubridora, a deputada que o encubriu. Se non se elimina da ecuación quen acosou e quen encubriu, a institución seguirá manchada“, manifestou.

Por todo iso, insistiu en que calquera acordo entre BNG e PSOE “estará manchado” e esixiu ao BNG ser “coherente e contundente” e decidir si “está disposto a gobernar con esa mancha, apoiado por un presunto acosador sexual”. “Hoxe veremos si elixen feminismo ou pisar moqueta”, censurou.

O PSOE DEFENDE A SÚA ACTUACIÓN

Tamén atendeu aos medios antes do pleno extraordinario a portavoz socialista, Pilar García Porto, que volveu a insistir en que os socialistas fixeron “todo canto estaba” nas súas mans “desde o primeiro momento”. “Atendeuse, escoitouse á presunta denunciante, que falaba por unha terceira persoa, sen haber denuncias, por tanto non tivemos coñecemento das mesmas até a emisión do programa de televisión”, relatou.

Unha vez coñecida a denuncia a través da canle interna do PSOE, continuou García Porto, “automaticamente desde a dirección do PSdeG actuouse con contundencia, axilidade e rapidez”.  Ademais, asegurou que a xestora do partido en Lugo está a funcionar “con total normalidade” e “todos os órganos do partido e agrupacións están perfectamente atendidas”.

O BNG REXEITA As “ACTITUDES DE ACOSO”

O portavoz do BNG, Efrén Castro, avanzou nos corredores da institución provincial que os nacionalistas votarán a favor da reprobación de Tomé polas “actitudes de acoso”, pero rexeitou a reprobación a García Porto avanzada por Ameijide. “Pode dicir o que queira, pero o texto da moción non a cita, así que cada un pode interpretalo como queira. A quen hai que reprobar é aos acosadores. É errar o tiro“, recalcou.

REPROBACIÓN

De feito, o pleno da Deputación de Lugo reprobou ao até este martes presidente da institución provincial, José Tomé, cos votos do Grupo Popular e do BNG, tras as denuncias por presunto acoso sexual contra o exmandatario socialista na canle interna do PSOE.

EN FUNCIÓNS ATÉ O 14 DE XANEIRO

Coa renuncia oficial, o mando pasa a estar en mans do vicepresidente, o nacionalista Efrén Castro, até o 14 de xaneiro, cando está prevista unha nova sesión para elixir ao novo presidente. Mentres se perfilan posicións para o pleno, aínda non hai unha confirmación oficial de quen presidirá a Deputación no ano e medio que falta para esgotar a lexislatura. Barállanse tres nomes, Carmela López, alcaldesa de Burela; Fran Cajoto, alcalde de Foz, e Pablo Rivera, colaborador de Tomé e concelleiro en Láncara.

PONTÓN

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que José Tomé, debería renunciar á súa acta na institución provincial, á vez que apuntou ao PSdeG para remarcar que é a súa “responsabilidade” facer “toda a presión” para que suceda. Sen aclarar que postura adoptará o BNG se esta renuncia á acta non se dá, Pontón defendeu que o obxectivo dos nacionalistas é traballar “polo ben de Lugo, dos seus veciños e veciñas” e por “o interese xeral”. Iso si, recalcou que non estará “en ningún goberno que haxa unha persoa acusada de acoso” sexual.

Deste xeito, ademais de argumentar que o Bloque non pode “decidir” o que fai unha persoa vinculada “con outra organización política” e apuntar ao PSdeG para facer “presión”, destacou que de aquí ao pleno do 14 de xaneiro, no que se elixirá o novo ou nova titular da Deputación, os nacionalistas desexarían unha dimisión completa do tamén alcalde de Monforte. Finalmente, sobre si se iniciaron os contactos co PSdeG en relación á persoa que ocupará a Presidencia da Deputación de Lugo, dixo que “non”. 

ÚLTIMAS

O nacionalista Efrén Castro asumirá este martes a Presidencia da Deputación de Lugo ata o 14 de xaneiro

O Pazo de San Marcos acollerá este martes o último Pleno do ano, no...

Lugo anuncia a nova licitación do bus urbano e a creación dun Consorcio do Centro Histórico

O Concello de Lugo celebrou este luns o pleno sobre o estado da cidade,...

Arquivada a causa contra o loteiro de Lugo investigado por simular un atraco de 400.000 euros

O Xulgado de Instrución Número 2 de Lugo decretou o sobresemento e arquivo provisional...

Inaugurado en Lugo un busto en recordo a Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista hai 50 anos

Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista en 1975 e recoñecido polo Estado como vítima...