InicioEconomíaO PP de Lugo denuncia o desvío de fondos para a rúa...

O PP de Lugo denuncia o desvío de fondos para a rúa Fermín Rivera mentres o PSOE defende un novo convenio coa Confederación Hidrográfica

Os populares iniciarán unha campaña informativa polas continuas avarías na rede de auga, mentres o goberno local sostén que o proxecto será "moito máis beneficioso" grazas a un acordo coa Miño-Sil.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Partido Popular de Lugo avanzou este luns a posta en marcha dunha campaña informativa para visibilizar a urxencia de acometer as obras de renovación da rede de saneamento e abastecemento da rúa Fermín Rivera, no barrio da Ponte, unha vía que “sofre reiterados cortes na subministración de auga”. Ademais, denunciaron que o goberno local desviou un total de 100.000 euros, previstos nos orzamentos para obras, a outros fins.

Desde o PP denuncian que non se trata dun problema novo nin puntual, senón da “consecuencia directa dunha rede claramente obsoleta que require unha renovación integral”. De feito, o último destes episodios produciuse durante os días de Nadal e afectou tanto a vivendas como a negocios e a instalacións deportivas, entre elas o Club Fluvial.

Neste sentido, lembran que o propio goberno local recoñeceu esta situación nos orzamentos municipais de 2025, nos que figuraba unha partida de 100.000 euros destinada á renovación do saneamento, o abastecemento e a pavimentación de Fermín Rivera. Con todo, segundo explican os populares, eses fondos foron retirados posteriormente.

En concreto, o 30 de setembro de 2025 o Concello aprobou un decreto de modificación do plan de investimentos mediante o cal se desviou dita cantidade para impulsar outras actuacións no barrio do Castiñeiro.

O PP tamén pon o foco na orixe do problema, sinalando que a rúa Fermín Rivera foi cedida no ano 2020 pola Deputación Provincial ao Concello, tras o traspaso da estrada LU-P-2911, sen que se realizasen previamente obras de acondicionamento. Unha situación que cualifican de anómala e que, ao seu xuízo, foi aceptada por PSOE e BNG sen esixir garantías a pesar das deficiencias que xa presentaba a vía.

CONVENIO “MOITO MÁIS BENEFICIOSO”

Ante estas críticas, o PSOE respondeu asegurando que cando se confeccionaron os orzamentos de 2025 reservouse efectivamente unha partida para Fermín Rivera, xa que a intención do goberno local sempre foi actuar nesta zona.

No entanto, explican que ao longo de 2025 o Concello e a Confederación Hidrográfica asinaron un convenio de actuación para esta contorna, que contempla un proxecto “moito máis beneficioso” e de maior alcance para o espazo próximo ao río, unha iniciativa que, segundo indican, leva meses anunciada.

Desde o grupo socialista sinalan que, ante este novo marco de colaboración coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, resultou lóxico destinar os fondos inicialmente previstos no orzamento a melloras noutras zonas da cidade, dado que a renovación de Fermín Rivera abordarase dentro dese proxecto conxunto. “Non é nada novo, leva meses anunciado e nos próximos días haberá ampla información respecto diso”, conclúen desde o PSOE.

Pola súa banda, os populares cuestionan este anuncio, que definen como unha “mera declaración de intencións”, ao non levar —subliñan— ningún compromiso concreto nin dotación económica por parte do Concello nin da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Desde o PP insisten en que non se pode falar de plans estratéxicos nin de integración do río mentres se manteñen canalizacións que “rebentan unha e outra vez”.

ÚLTIMAS

PP e BNG votan a favor de reprobar a José Tomé no Concello de Lugo ante acusacións de utilización das vítimas de agresións machistas

Os grupos municipais do PP e do BNG en Lugo aprobaron a moción, presentada...

A Policía de Lugo detecta cinco condutores ebrios e auxilia a un bebé pechado nunha vivenda

Os filtros de seguridade vial realizados pola Policía Local de Lugo permitiron detectar nos...

O Goberno financia con case un millón de euros a reforma integral do Concello de Vilalba

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, visitou este martes Vilalba para supervisar,...

O PP pedirá a reprobación de Tomé nos plenos da Deputación e dos concellos de Lugo e Monforte

O Partido Popular de Lugo anunciou que nos próximos plenos da Deputación de Lugo,...