InicioLugo e contornaLugoAlugueres "alcanzables" en Lugo e penalización a propietarios con vivenda baleira

Alugueres “alcanzables” en Lugo e penalización a propietarios con vivenda baleira

Porase en marcha unha Bolsa Municipal de Aluguer Alcanzable, xestionada pola empresa pública Evislusa, que permitirá aos propietarios ceder os seus inmobles ao Concello de forma remunerada e con garantías

PUBLICADA O

- Advertisement -

Lugo contará cun ambicioso Plan Municipal de Vivenda, unha folla de ruta que busca aumentar a oferta residencial, fomentar o aluguer alcanzable e rehabilitar o parque inmobiliario existente. O proxecto, que foi presentado polo alcalde, Miguel Fernández, e que aínda se está ultimando, articúlase ao redor de tres grandes obxectivos: conservar e recuperar as vivendas xa construídas, mobilizar os inmobles baleiros e facilitar o acceso a unha vivenda digna para a cidadanía.

“O Concello de Lugo asume a súa responsabilidade ante a falta de vivenda pública. Aínda que non sexa unha competencia exclusiva municipal, non podemos mirar cara a outro lado”, afirmou o rexedor, acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Jorge Bustos, e o director xeral da área, Hipólito Pérez. Fernández subliñou que o plan é “unha aposta por unha cidade máis xusta, habitable e con máis oportunidades”.

Lugo conta con máis de 62.000 vivendas, moitas delas con décadas de antigüidade. Por iso, o primeiro eixo do plan céntrase na rehabilitación e conservación. O Concello reforzará o Servizo de Arquitectura para axilizar licenzas e reducirá os tempos administrativos. Antes de que finalice 2025 aprobarase a nova Ordenanza de Conservación e Rehabilitación, que permitirá intervir en edificios en mal estado e aplicar medidas como a expropiación ou a venda forzosa.

Ademais, o consistorio creará un inventario de inmobles deteriorados e promoverá axudas á rehabilitación, lembrando que a última convocatoria destinou 850.000 euros ao Centro histórico. O alcalde lamentou que a Xunta non convocase novas axudas para as Contornas Residenciais de Rehabilitación Programada, “bloqueando investimentos clave para barrios como A Milagrosa ou Feijóo”.

Mobilizar as vivendas baleiras

O segundo gran obxectivo diríxese ás 10.700 vivendas desocupadas que existen na cidade, un 17% do total. Para reverter esta situación, o plan prevé unha recarga ata o 150% no IBI para os grandes propietarios con pisos baleiros, co fin de incentivar a súa saída ao mercado. Paralelamente, porase en marcha unha Bolsa Municipal de Aluguer Alcanzable, xestionada pola empresa pública Evislusa, que permitirá aos propietarios ceder os seus inmobles ao Concello de forma remunerada e con garantías. Quen participen nesta iniciativa recibirán unha bonificación do 95% no IBI, mentres que o Concello destinará as vivendas a alugueres por baixo do prezo de mercado.

O terceiro eixo do plan busca incrementar o parque de vivenda dispoñible, tanto pública como privada, cun modelo de crecemento sustentable. Para iso, revisaranse as normas urbanísticas da PXOM e as ordenanzas municipais, co fin de facilitar o cambio de uso de inmobles e mellorar as condicións de habitabilidade. A aprobación definitiva está prevista para o segundo semestre de 2026.

O Concello tamén limitará as vivendas de uso turístico, que só poderán autorizarse en edificios de uso exclusivo ou en plantas baixas e primeiras, co obxectivo de protexer o mercado residencial. Ademais, desenvolveranse máis de 300.000 metros cadrados de novo chan urbanizable, reservando un mínimo do 40% para vivenda protexida.

Fernández lembrou así mesmo o convenio asinado co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) o pasado maio, que permitirá construír 1.200 novas vivendas no barrio do Sagrado Corazón, ademais doutras actuacións en distintas zonas da cidade, “institución coa que seguiremos colaborando”.

O alcalde recalcou que o plan non é só un documento técnico, senón “un compromiso político e social co dereito á vivenda e coa calidade de vida dos veciños e veciñas de Lugo”.

“Queremos que a vivenda sexa un dereito real, non un privilexio. Que os mozos poidan quedar en Lugo e construír aquí o seu proxecto de vida”, afirmou Fernández, quen agradeceu o traballo de todo o equipo técnico e político implicado, especialmente o de Hipólito Pérez, Jorge Bustos e Benigno Jáuregui, xerente de Evislusa.

“Con este plan -concluíu o rexedor-, Lugo planifica o seu futuro e pon ás persoas no centro das súas políticas públicas. Porque a mellor forma de construír cidade é garantir que todos teñan un fogar digno onde vivir.”

ÚLTIMAS

A causa contra o loteiro de Lugo investigado por falsear un atraco, sen caso

A Fiscalía pediu o sobresemento provisional da causa aberta ao loteiro de Lugo acusado de simular...

Avogados piden unha xustiza máis próxima para as mulleres vítimas de violencia de xénero

Máis de 150 profesionais do ámbito xurídico e da igualdade déronse cita en Lugo...

Seis meses de prisión para o xerente dunha empresa por delito de lesións nun traballador

O xerente dunha empresa vinculada á construción de Lugo aceptou este xoves unha pena...

Lugo adxudica o proxecto da pasarela do Carril das Flores

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo adxudicou este mércores o proxecto...