InicioMedioambiente e PatrimonioUnha talla de madeira provoca graves impactos en mámoas de Lugo

Unha talla de madeira provoca graves impactos en mámoas de Lugo

ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural

PUBLICADA O

- Advertisement -

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural polo grave impacto que sufriron as mámoas Mogote de Penarrubia 1 e Mogote de Penarrubia 2, situadas no lugar de Penarrubia, parroquia de Orbazai (San Miguel), no concello de Lugo. Estes dous xacementos arqueolóxicos están catalogados como bens patrimoniais no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e incluídos no PXOM de Lugo, polo que contan cun réxime de protección específico que impide calquera intervención sen autorización previa.

Durante unha visita á zona, representantes das asociacións comprobaron que se provocaron danos materiais moi relevantes por mor de labores forestais que incluíron a corta de piñeiros, o arrincado dos tocos e o paso de maquinaria pesada sobre os propios túmulos. “Entre os feitos observados destacan a alteración da coraza do túmulo da mámoa 1, con movementos de terra e deterioro da estrutura visible, rodeiras de maquinaria pesada sobre ambas mámoas,  depósito de troncos cortados sobre a superficie da mámoa 1, o que agrava os danos no túmulo, e afectación dos estratos arqueolóxicos e da morfoloxía dos dous túmulos”, indican nun comunicado.

Mámoa afectada en Lugo por unha corta de piñeiros / Mariña Patrimonio

Segundo todo parece indicar, estas actuacións foron realizadas sen contar coa autorización preceptiva da Consellería de Cultura, o que podería supoñer unha infracción grave da normativa de protección do patrimonio cultural. Ante esta situación, as asociacións solicitan que se comprobe se os traballos contaban coa correspondente autorización, que se abra un expediente sancionador contra os responsables, no caso de confirmarse a ausencia de permiso e que se adopten medidas correctoras urxentes para restaurar os danos causados e garantir a protección efectiva destes bens patrimoniais.

“As mámoas de Penarrubia constitúen un valioso testemuño da presenza humana prehistórica na comarca. A súa conservación é unha responsabilidade colectiva que require o compromiso de todas as administracións”, conclúen estas entidades.

ÚLTIMAS

Investigan o xerente dunha farmacéutica por suposto suborno a un membro do Goberno de Guinea

O xulgado de Instrución número 1 de Lugo investiga ao xerente da empresa farmacéutica...

Dúas persoas investigadas por presunto furto de cobre en Castro de Rei

A Garda Civil investiga a dúas persoas por un delito de furto de cable...

Melloras na estrada que conecta Lugo, O Corgo e o Páramo

As obras da LU-P-2904, a vía que conecta Conturiz, desde a N-VI ata O...

Denunciado por ir en sentido contrario nunha bicicleta cun cartel na man que puña “de uso público”

A Policía Local de Lugo informou este xoves de que interveu na madrugada do...