InicioPolíticaPP de Lugo e de Asturias piden explicacións pola ausencia da Gran...

PP de Lugo e de Asturias piden explicacións pola ausencia da Gran Senda do Navia no programa Camiños Naturais

A iniciativa persegue executar unha gran senda peonil e cicloturista de 428 quilómetros nas marxes do río Navia, desde o seu nacemento ata a súa desembocadura, e pasando por 7 municipios galegos e por 9 asturianos.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Senadores do PP de Lugo e de Asturias reuníronse este luns en Navia de Suarna con alcaldes e portavoces de municipios bañados polo río Navia, e anunciaron a presentación de iniciativas na Cámara Alta para pedir explicacións ao Goberno central sobre as previsións de incluír a Gran Senda do Navia no programa Camiños Naturais de España.

Segundo incidiron, o proxecto, promovido por diversas institucións e presentado ao Ministerio en 2018, é moi positivo para un gran número de municipios, xa que se trata dun “elemento vertebrador da zona e dinamizador desde o punto de vista cultural, socioeconómico e turístico”. Por iso, os senadores ‘populares’ pedirán ao Goberno que se sitúe e aclare se o apoia, e esixirán explicacións sobre os motivos polos que non se incluíu a Gran Senda ata agora. “Nós o que queremos é que se impulse este proxecto (…) que necesitaría non só impulso económico, senón o seu recoñecemento”, apuntou o senador por Lugo, José Manuel Barreiro.

Pola súa banda, o senador ‘popular’ asturiano, Pablo González, lembrou que este tipo de iniciativas “que nacen da xente, do pobo”, merecen ser axudadas, á vez que subliñou que serven para fixar poboación e crear emprego. A deputada do PPdeG, Encarna Amigo, avanzou que o seu grupo tamén levará esa cuestión ao Parlamento de Galicia e reiterou que iniciativas como a Gran Senda do Navia permitirían un desenvolvemento turístico que favorece o asentamento de poboación no rural.

O proxecto da Gran Senda do Navia foi presentado por varias institucións da sociedade civil, grupos de sendeirismo da provincia de Lugo e do occidente asturiano, a principios de 2018 ante o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. A iniciativa persegue executar unha gran senda peonil e cicloturista de 428 quilómetros nas marxes do río Navia, desde o seu nacemento ata a súa desembocadura, e pasando por 7 municipios galegos (Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Cervantes, Becerreá, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro) e por 9 asturianos (Allande, Boal, Coaña, Grandas, Ibias, Illano, Navia, Pesoz e Villayón).

Tanto a Deputación de Lugo como o goberno do Principado de Asturias trasladaron o seu apoio á Gran Senda pero, denunciaron os ‘populares’, desde a súa presentación, “o goberno de Sánchez non fixo nada”. O PP subliñou que, ademais de ser un revulsivo económico, a senda poría en valor un importante patrimonio natural, cultural e etnográfico, e conectaría tres das rutas oficiais do Camiño de Santiago: o Camiño Francés, o Camiño Primitivo e o Camiño Norte.

ÚLTIMAS

Novas obras no viaduto do Castro provocarán afectacións ao tráfico a partir deste luns

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable inicia este luns os traballos para impermeabilizar o...

A XXI Feira Medieval de Monforte xa está aquí

Ademais dos atractivos doutras edicións, como son os numerosos postos e paradas que haberá...

Falta de pediatras na Fonsagrada, Baleira e Castroverde

A asociación de consumidores Facua en Galicia dirixiuse ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) para denunciar a "falta...

Unha talla de madeira provoca graves impactos en mámoas de Lugo

As asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de presentar unha denuncia perante a Dirección...