O Goberno municipal de Lugo, por medio da alcaldesa socialista, Paula Alvarellos, e o tenente de alcaldesa, o nacionalista Rubén Arroxo, deu a coñecer o contido dos orzamentos que se manexarán no próximo exercicio, unhas contas que soben 2,2 millóns de euros respecto ao ano pasado, ata os 121.119.314 euros, e que teñen nos investimentos o seu gran puntal, unha cantidade que supera o nove millóns de euros.
En total, están referenciados neste capítulo 9.095.945 euros, aos que é necesario sumar 2,9 millóns máis de activos financeiros dirixidos a impulsar neste 2025 o asentamento empresarial a través do Fondo de Capital Lugo Transforma.
Un dos bloques máis importantes serán o tres millóns de euros destinados “á rexeración urbana”, onde se inclúen proxectos como a mellora da Fervedoira (100.000 euros), os polígonos industriais (500.000 euros) ou a zona norte da cidade (200.000 euros), que contarán con financiamiento europeo.
Tamén se destinará un millón de euros á mellora da rede de abastecemento e sanemaento de auga en zonas como Castelo de Arriba, Montero Ríos, Rúa Ourense, Pardo Bazán, Miguel de Cervantes, Pintor Pacios ou Cidade de Vigo, Alexandre Bóveda, Pena da Mula, Rof Codina, Río Azor, Esperante e Fermín Rivera.
Alvarellos informou de que este ano o rural terá un especial protagonismo nas costas municipais con case un millón de euros (990.000 euros) en diferentes partidas, como a mellora dos accesos a parcelas agrícolas, o arranxo de pistas e estradas, a creación de traída pública de auga ou aumentando e renovando o mobiliario das escolas rurais.
A materia deportiva destinarán 500.000 euros en actuacións destacadas en varios pavillóns, incluídos 50.000 euros para o anunciado novo pavillón. Ademais, a construción dunha nova protectora conta con outro medio millón de euros nomeados.
Pola súa banda, Rubén Arroxo presentou as partidas orzamentarias das súas áreas, entre as que destacan, pola súa contía, 1.150.000 euros para a renovación integral do Carril das Flores. “Trátase do punto de máis feísmo de toda a trama urbana de Lugo”. O obxectivo será transformar a actual pasarela nun espazo peonil que chegue ata cale Primavera.
Anunciou tamén a creación de dous eixos peonís, un entre a rúa Milagrosa e a praza de Bretaña e o outro entre o Carril das Flores e o barrio de Recatelo. Tamén apuntou Arroxo outro tipo de obras, como a renovación da rúa Cambria (140.000 euros), completar a restauración da Ponte Romana (50.000), ou a renovación da rúa Picasso (90.000).
As pavimentaciones nas zonas urbanas e periurbanas contan cun orzamento de 1.2 millóns de euros, divididos en dúas partidas de 500.000 euros para as zonas norte e sur e 200.000 para barrios e arredores, con elementos de control do tráfico e a creación de pequenos espazos peonís.
Outro dos proxectos de relevancia previstos nestes orzamentos serán os 500.000 euros que destinarán a unha nova rotonda que una a avenida de Afonso X coa rolda de Fingoi. No apartado de mobilidade, tamén anunciaron a posta en marcha do servizo de taxi no rural.
Aumenta tamén a partida dedicada á programación cultural, chegando os 837.000 euros, que se dedicarán á actividade habitual das grandes instalacións, incluído o novo auditorio Fuxan vos Ventos e a outras que se realizan na rúa.
Por exemplo, San Froilán contará cun orzamento de 907.800 euros, aumentando a contía con respecto a 2024. Arroxo aproveitou para facer un chamamento á Xunta de Galicia “para que dea unha colaboración acorde á gran festa do outono galego”.
Destacaron tamén un investimento de 200.000 euros para continuar coa ampliación do cemiterio municipal e outros arranxos; así como 145.000 que se dedicarán a diversas melloras da praza de Abastos e do Mercado Municipal, entre elas a renovación do acceso para persoas con mobilidade reducida.
As OUTRAS CIFRAS DO DOCUMENTO
Paula Alvarellos subliñou que na elaboración deste orzamento apostouse pola “contención e a prudencia” en canto á previsión de ingresos, e que busca a “eficiencia” non só do gasto municipal, senón tamén dos seus servizos e dotacións.
O obxectivo segue sendo para a alcaldesa “o reequilibrio financeiro tras anos minimizando o impacto das sucesivas crises sanitarias, sociais e de prezos sobre a economía doméstica”.
Durante a exposición do anteproxecto, a rexedora sinalou que o volume previsto de ingresos non financeiros increméntase case un 4%, ata chegar aos 112.159.314,86 euros, en boa medida debido “aos axustes nas figuras impositivas e tributarias que se realizaron a finais do pasado ano”.
Cifra o gasto corrente en 108.248.553,80 euros, sendo 2.193.128 euros superior ao 2024 “coa finalidade de atender adecuadamente as necesidades do municipio e ampliar a cobertura das diferentes prestacións”.
Así pois, a atención aos servizos e prestacións de protección social acaparan o 52’29% do orzamento total e os investimentos reais serán o 7’51%. “As transferencias correntes ascenderán en 2025 a 6.246.648 euros, un 5’10% máis que o exercicio pasado, como mostra do compromiso do Concello co tecido asociativo de Lugo para colaborar e promocionar actividades de tipo cultural, social, deportivo, etc. fomentadoras da conciencia veciñal e participativa“.
“Son tamén unhas contas tremendamente comprometidas en canto a políticas sociais refírese, onde aumentamos a consignación. Uns orzamentos que ademais atenden á finalización de proxectos xa iniciados e que tamén, tras aos contactos mantidos co tecido asociativo e veciñal neste ano á fronte da Alcaldía, tratan de recoller e responder as reivindicacións cidadás que son necesidades reais do municipio”, proseguiu.
REACCIÓN DO PP
O Partido Popular tamén fixo unha valoración rápida dos orzamentos, onde reclamou á alcaldesa novamente que “non facilitase ningunha información nin ao principal grupo da oposición, nin aos representantes dos traballadores”. Afirmou, por tanto, “que van tarde e son máis do mesmo”.
Os populares afirman que se produce unha diminución dun 46,26% no investimento, que pasa dos 14.1 millóns de euros no exercicio anterior aos 8 millóns de 2025. Tamén destacan un incremento do gasto corrente “que eles mesmos cifraron en 108 millóns de euros”.