InicioMovementos sociaisFacendo cultura coa administración en contra

Facendo cultura coa administración en contra

Os colectivos de Lugo denuncian o dirixismo e o control que a administración exerce sobre a expresión cultural, en especial en espazos públicos

PUBLICADA O

- Advertisement -

Hai un proverbio que di que alguén que non sabe como axudar, o que debe facer é tentar facer o menor dano posible. Iso deben pensar os colectivos culturais que xorden de xeito espontáneo en Lugo, que encontran na lexislación que os debería protexer un obstáculo para a liberdade creativa e a difusión, cando non un instrumento coercitivo.

E por ese camiño foron as reflexións de Chus Rodríguez e Nieves Neira, convidadas á presentación de La cultura como reserva india, de Jorge Linheira. A primeira é parte de Tele-Clube, asociación cultural creada en abril, e que resignifica espazos de Lugo a través da música e o audiovisual. A segunda está asociada a 3monos, outra asociación sen ánimo de lucro, que promociona as artes escénicas.

Nieves Neira | Óscar Bernárdez
Nieves Neira | Óscar Bernárdez

Neira comezou a reflexión alertando da asimilación cultural que practica a administración, un esquema perpetuado nas institucións. Antes de abordar a problemática de Lugo, censurou a apropiación que a Xunta de Galicia fixo da cultura e a historia: “tapando” coas Medallas de Castelao a efeméride da aprobación do Estatuto de 1936, ou reescribindo o motivo dun símbolo pictórico coma é A derradeira lección do mestre.

Para esta xornalista, a práctica do goberno autonómico ameaza a capacidade lingüística e deixa a cultura “sen contido”. Rodríguez profundizou nesta reflexión, observando en Lugo a falta de política cultural e unha aspiración por reprimir o asociacionismo. Así, reivindicou “os movementos dos últimos tempos” como resposta aos eventos de 2018, en especial o proxecto de ordenanza cívica, que levou a crear a plataforma Lugo Sen Mordazas.

Chus Rodríguez | Óscar Bernárdez
Chus Rodríguez | Óscar Bernárdez

Este interese por desprazar aos movementos sociais foi comparado por Neira co desprazamento das grandes experiencias simbólicas, exemplificada na difuminación do Nunca Máis. No canto de arroupar estas expresións cívicas, a administración autonómica e local quixo “autorrepresentar” o seu poder, a través de iniciativas culturais nas que primaron o clientelismo e o dirixismo.

É por iso que Rodríguez plantexa a “propiedade colectiva” do chan, “un PXOM ligado á cultura”, e non enfocado cara a edificios espectaculares. Exemplos disto son, para Neira, o Auditorio de Lugo ou o Museo Interactivo da Historia de Lugo; obras arquitectónicas cun elevado custe que contribúen a gastar o orzamento e “desmembrar os tecidos culturais”.

Auditorio de Lugo | Paredes Pedrosa Arquitectos
Auditorio de Lugo | Paredes Pedrosa Arquitectos

A alternativa contra a política “do despilfarro e o pelotazo” é, para Rodríguez, empregar o espazo público “a pesar das dificultades”. Para facilitar este uso, cómpre “remunicipalizar e crear espazos” que garantan a expresión cultural, liña oposta á dificultade que supón a nova Lei de Espectáculos, en especial para os espazos autoxestionados.

A psicóloga e activista plantexa unha programación cultural estable, capaz de conciliar e accesible para o extrarradio, en contraposición á cultura “como produto de consumo” ocasional que representa o Caudal Fest. Rodríguez salientou a reacción a prol do Festiblas, mentres que Neira lamentou que prime o “cómputo numérico” na planificación cultural de Lugo, que “anula a capacidade da arte para modelar comunidades”, e lembrou que o festival consumiu en subvencións un total superior á combinación das partidas de Cultura, Muller, Participación Cidadá e Xuventude.

ÚLTIMAS

Denuncian un home en Lugo por levar un martelo-machete de cociña e un coitelo na vía pública

Axentes da Policía Local de Lugo identificaron e denunciaron a un home que portaba...

A Deputación destina 750.000 euros a formación dixital para zonas en risco de despoboamento

A Deputación Provincial de Lugo anunciou a posta en marcha do proxecto 'E para...

Rexistrado un terremoto de 3 graos de magnitude en Baleira

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou este xoves un terremoto de magnitude 3 no municipio lucense de...