InicioMedioambiente e PatrimonioO Concello de Guiririz conclúe que carece de competencias nos frescos dos...

O Concello de Guiririz conclúe que carece de competencias nos frescos dos Vilares

A Deputación deixa en mans da Xunta a restauración dos frescos renacentistas malia si implicarse na conservación dos de Labrada

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Guitiriz remitiu finalmente o informe sobre a responsabilidade no estado dos frescos de San Vicenzo dos Vilares, a excepcional mostra de arte pictórico que está a piques de desaparecer. O escrito, dirixido á Valedora do Pobo catro meses despois do requerimento desta institución, conclúe que o consistorio carece de competencias para a restauración, polo que deben ser a Igrexa e a Xunta de Galicia os que asuman dita tarefa.

Explican dende a alcaldía que a dilación no informe debeuse á ausencia da aparelladora, de baixa por un accidente. Preguntada pola posibilidade de que a Deputación se fixera cargo de rehabilitar os frescos renacentistas do mestre de Parga, a rexedora Regina Polín asegura que tampouco é competencia provincial. De igual xeito pronúnciase o informe remitido dende o Pazo de San Marcos.

Sostén a Deputación –con data 8 de agosto– que non existe compromiso coa asociación impulsora da reclamación, Os Vilares, Lareira de Soños, e que non pode intervir nun inmoble de propiedade eclesiástica. Porén, dos antecedentes dedúcese o contrario. Enviados provinciais visitaron en dúas ocasións o templo afectado en compañía da alcaldesa, comprometéndose verbalmente a tentar solucionar o deterioro. Así mesmo, foi a Deputación a que acometeu a eliminación das humidades  que ameazaban os frescos da igrexa de Santa María de Labrada.

A posición da Xunta

A Consellería de Cultura púxose en contacto coa Valedora para informar de que a Diocese de Mondoñedo-Ferrol iniciou o procedemento de restauración, solicitando a redacción do proxecto de restauración dos frescos de San Vicenzo dos Vilares. O departamento autonómico colaborará para asegurar que cumpre as especificacións técnicas e administraticas de cara ao preceptivo informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Dende a Xunta manifestan que iniciarán as conversas para financiar a conservación logo de saber o custe do proxecto. Este punto é un requerimento do Parlamento de Galicia, que acordou a colaboración das entidades implicadas, incluídos Concello de Guitiriz e Deputación de Lugo. A Valedora, que agardará a que a redacción do proxecto estea completa para continuar a supervisión, confía en que todas as institucións participarán da recuperación da excepcional mostra de arte pictórico.

En Lareira de Soños apelan á responsabilidade dos responsables políticos para asumir a recuperación, que estiman que comportará un custe inferior a 90.000 euros. De fracasar o rogo perante a Valedora, a asociación proseguirá coa campaña de micromecenado a partir de febreiro, e seguirá esixindo o cumprimento do compromiso parlamentar.

Onde está o cruceiro de Rego Pequeno?

O cruceiro de Rego Pequeno, en Guitiriz, nunha imaxe de 2009 | Google
O cruceiro de Rego Pequeno, en Guitiriz, nunha imaxe de 2009 | Google

O cruceiro da parroquia dos Vilares, incompleto debido á acción de maquinaria desbrozadora, desapareceu nun novo caso de expolio no Concello de Guitiriz. Na alcaldía descoñecen o paradoiro deste ben patrimonial, que non botaban en falta ata que o caso apareceu nos medios.

A alcaldesa preguntou varias veces no pasado pola ubicación da parte superior, arrincada por accidente durante os traballos da maquinaria de desbroce municipal a comezos de século. No goberno local saben doutros casos de cruceiros desaparecidos, aínda que en ningún caso constataron desaparicións recentes. 

Queda pendente a reparación do cruceiro do Calvario de San Vicenzo dos Vilares, na mesma igrexa, seccionado por accidente durante a festa. A intervención dilatouse e o asunto está no Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo. O departamento dependente da Xunta, que dirixe Ana Carril, ten xa o proxecto listo para iniciar a restauración.

ÚLTIMAS

Comezan as obras de desdobre do último tramo da avenida Infanta Elena en Lugo

As obras que completarán o desdobre e humanización dos 2,7 quilómetros da Avenida Infanta...

Tomé e Castro presentan o número máximo de avais para dirixir o PSOE provincial

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o edil de Paradela Iván Castro presentaron...

Condenados 8 ultras participantes nunha pelexa na previa do Lugo-Ponferradina de 2023

O Xulgado de Instrución nº1 de Lugo condenou este luns aos oito ultras investigados pola súa...

Café Candelas obtén visto e prace ambiental para construír unha planta que aglutinará todo o proceso produtivo en Lugo

Café Candelas obtivo o visto e prace da Xunta desde o punto de vista ambiental para...