InicioMedioambiente e PatrimonioLevan o abandono dos frescos de Vilares ante a Valedora do Pobo

Levan o abandono dos frescos de Vilares ante a Valedora do Pobo

Lamentan que malia o acordo parlamentario, a inacción das administracións condena a estes frescos renacentistas de Guitiriz á desaparición

PUBLICADA O

- Advertisement -

A situación de desidia que viven os frescos de San Vicenzo dos Vilares chegará á Valedora do Pobo. A asociación cultural Lareira de Soños presentou unha queixa formal polo abandono deste ben cultural que decora os muros da igrexa parroquial do termo municipal de Guitiriz. Tal e como denuncian no escrito, as administracións competentes están a incumplir o acordo do Parlamento de Galicia que obriga á restauración desta mostra excepcional de arte pictórica do século XVI.

De non ser inmediatamente consolidada, a obra mural corre risco de desaparición por mor da intensa humidade característica desta terra. A igrexa de San Vicenzo dos Vilares comezou sendo unha capela no século XII. Logo de acadar a estrutura actual mudou nun conxunto único, emblemático en toda a Terra Chá, que comprende tres retablos neoclásicos e un barroco, o sartego antropomorfo, o cruceiro e o calvario. Dentro da iconografía relixiosa salientan os frescos renacentistas atribuídos ao sobranceiro Mestre de Parga.

Lareira de Soños leva anos pedindo a intervención neste monumento. “As pinturas son un valioso ben patrimonial de difícil recuperación cando acadan un alto grado de deterioro, un camiño que emprenderon xa as dos Vilares”, apuntaban hai apenas un ano dende a asociación. A Comisión Cuarta do Parlamento de Galicia aprobou a restauración deste ben en xaneiro de 2018, pero o acordo está a ser incumplido polas administracións.

É por isto que o caso chega á Valedora do Pobo, xunto con documentación do proxecto orixinal de restauración, e o estudo do profesor da Universidade de Santiago Juan Manuel Monterroso Montero realizado con motivo da aparición dos frescos en 1992, sendo párroco dos Vilares o actual deán da Catedral de Compostela, Segundo López. Alén do seu incontestable valor patrimonial, igrexa é coñecida pola Romaría dos Desamparados.

Evolución dos frescos de Vilares | Lareira de Soños
Evolución dos frescos de Vilares | Lareira de Soños

Lareira de Soños prepara unha campaña para despois do verán que inclúe accións informativas, crowdfunding, xornadas con profesionais, exposicións en foros da cultura e o patrimonio, e mesmo un documental para expor en redes sociais. Dende a asociación procuran asemade unha entrevista en persoa na oficina da Valedora do Pobo.

 

Precedentes

Con anterioridade, a titular de Cultura da Deputación, Pilar García Porto, amosouse disposta a acometer a rehabilitación dos frescos. Apois de informar de que tiña visitado a igrexa xunto coa alcaldesa de Guitiriz, mesmo adiantou que a intervención podería realizarse en dúas anualidades, para rematar os traballos en 2017.

A asociación presentou por rexistro un proxecto valorado e mesmo solicitou os preceptivos permisos da parroquia, bispado e Patrimonio da Xunta adiantando así prazos para a execución desa actuación, para a que se concretarían cantidades no mes de outubro de 2015, unha vez aprobados os orzamentos provinciais.

Porén, dende a descuberta e estudo, os frescos de Vilares non tiveron aínda intervención algunha para protexelos e evitar a súa desaparición. Se xa en 2015 o estado de conservación era deficiente, o certo é que ano tras ano están en peor estado, como amosan as imaxes. O morteiro sobre o que se atopan corre serio risco de desprendemento e o máis probable é que comecen xa a desaparecer.

Acudindo á Valedora e iniciando a campaña de comunicación, Lareira de Soños quere así tomar a iniciativa de conservar esta “xoia da iconografía relixiosa da Terra Chá” e non perder os frescos. Trátase de evitar o “desastre patrimonial que ten sobrevivido cinco séculos e vai camiño de ser destruído en só 25 anos“. Así, tratarán con todas as axudas posibles de desenvolver unha batalla pola conservación dos frescos, cos permisos pertinentes, os profesionais axeitados, a colaboración do párroco e do bispado, así como de “todos aqueles chairegos -e non chairegos- sensibles co noso patrimonio”.

A quen corresponde a conservación do patrimonio histórico en Galicia?

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...