A Policía Local de Lugo detivo a unha muller por agredir presuntamente á súa exmoza e á actual parella desta nunha vivenda da rúa Progreso, en Lugo. Segundo informou a Policía, ás 06.15 do sábado varios indicativos da unidade territorial de Policía de Barrio foron comisionados nun domicilio desta rúa, xa que a Sala do 092 recibira información sobre unha pelexa no lugar.
Alí, os axentes foron recibidos por unha muller que manifestaba que instantes antes a súa exparella entrara no domicilio que comparte coa súa parella actual e agredira ás dúas. Ademais, sinalaba que as agresións foran frecuentes durante os catro anos que mantiveran de relación, ata hai aproximadamente un mes.
Esta denuncia foi corroborada pola súa actual parella, que presentaba arañazos por todo o corpo. Así, os axentes trasladaron ás tres mulleres, por separado, a un centro sanitario e procederon á detención da presunta autora da agresión, para a súa posterior presentación en dependencias policiais e a tramitación das dilixencias oportunas.
MATRÍCULA FALSA
Por outra banda, un indicativo da Policía de Barrio trasladouse o domingo, ás 12.50 horas, ao Polígono Industrial do Ceao onde, segundo advertían, había dous camións coa mesma placa de matrícula. Unha vez no lugar, os axentes comprobaron a veracidade da chamada, retirando as placas do matrícula ao camión que non lle correspondía (presuntamente importado). Deste xeito, iniciaron as xestións necesarias para a localización do titular, xa que os feitos poden constituír unha falsificación de documento público.
DETENCIÓN POR REQUISITORIA XUDICIAL
Ademais, durante a tarde do domingo, a Policía Local lucense detivo a un home sobre o que pesaba unha requisitoria xudicial e que se presentou na xefatura de Policía para solicitar pasar a noite no albergue municipal. Mentres era atendido na oficina de atención á cidadanía, realizáronse diversas comprobacións e descubriuse que tiña unha requisitoria xudicial para a súa detención e posta a disposición xudicial por un presunto delito de atentado.
Así mesmo, ao longo deste fin de semana a Policía Local tamén foi requirida en catro ocasións por ruídos en domicilios que molestaban aos veciños, así como nun local de hostalaría no que un cliente se negaba a pagar as consumicións.
INCENDIO EN DOUTOR OCHOA
Tamén este domingo, ás 05.20 horas, un indicativo do Grupo Operativo Nocturno trasladouse a un inmoble da rúa Doutor Ochoa, onde se estaba producindo un incendio. No lugar comprobaron que o fume procedía dun piso da terceira planta e que non había ningunha persoa no seu interior. Con todo, procederon a evacuar o resto do edificio. Para a extinción do lume foi necesaria a intervención de dúas dotacións do servizo de extinción de incendios ata concluír os traballos de apagado do lume, que se produciu na cociña.
DANOS NUN VEHÍCULO
Doutra banda, o pasado venres a sala do 092 recibiu información sobre un vehículo estacionado na rúa San Roque cun dos seus cristais rotos. Por este motivo, desprazouse unha patrulla ata o punto, onde comprobou que o turismo tiña a xanela dianteira rota, con danos no marco. Ademais, os axentes observaron que no interior do automóbil había varias caixas con botellas, utensilios persoais, unha carteira, un cartón bancario e un billete de 50 euros. Posteriormente, localizaron ao titular do vehículo, que se fixo cargo do mesmo e manifestou a súa intención de formalizar denuncia polo sucedido.