InicioMedioambiente e PatrimonioGómez Vila: “Non hai ningunha montaxe, a Vía Künig funcionou na Idade...

Gómez Vila: “Non hai ningunha montaxe, a Vía Künig funcionou na Idade Media”

Entre a polémica pola Vía Künig, Javier Gómez Vila, historiador e arqueólogo, defende a evidencia documental desta variante do Camiño Francés

PUBLICADA O

- Advertisement -

O comezo da investigación da Vía Künig, variante do Camiño Francés que pasa por Lugo, espertou o receo da Mancomunidade de Concellos da ruta de peregrinaxe máis popular. A Sociedade de Xestión do Xacobeo desacreditou rapidamente esta alternativa, a pesar de que o estudo comezou hai quince días e conta cun evidente respaldo científico. Tanto é así, que o historiador e arqueólogo Javier Gómez Vila presentará a documentación e defenderá a importancia da guía do monxe alemán Künig na Domus do Mítreo, o xoves 8 de novembro ás 20.00 horas.

Hermann Künig de Vacha (Turingia) fixo a ruta xacobea ata Santiago de Compostela e fixo unha guía da viaxe, publicada e reeditada ata en catro ocasións entre 1495 e 1521. O percorrido levouno dende Alemaña por Suíza, atravesando a vía tolosana por Francia, entrando a España por Pamplona e seguindo o curso en dirección Burgos. “A particularidade é que xusto antes de entrar en Galicia, en Herrerías de Valcarce, desvíase cara a Lugo”.

“De Herrerías non vai ao Cebreiro pola costa da Faba, vai ao pobo de Pedrafita. Baixa polas Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e chega a Lugo”. Conta Gómez que o monxe quedou abraiado pola cidade, da que menciona o balneario ou a ponte romana, antes de continuar por Melide. Curiosamente, a guía de Künig foi publicada polo Consello da Cultura Galega en 1999. “Non hai ningún montaxe, non hai ningunha invención, funcionou na Idade Media”.

O traballo de Elías Valiña

“Este Camiño sempre se coñeceu”. O historiador cita a Elías Valiña Sampedro, cura do Cebreiro, autor en 1965 dunha celebrada tese sobre os Camiños de Santiago. En 1985, Valiña foi nomeado director do Xacobeo, sendo responsable xunto co goberno galego de Manuel Fraga de promocionar a peregrinaxe. “No estudo de Valiña aparece a Vía Künig, aparece o trazado por Lugo, e nos di exactamente onde se bifurca do Camiño Francés”.

Para Gómez existe unha contradicción evidente na postura da Xunta de Galicia, sobre todo tendo en conta que “nós non investigamos nada, non solicitamos nada, nin presentamos nada”. Amósase sorprendido polo feito de que o goberno autonómico negue algo que avalou con anterioridade, e tamén pola protesta da Mancomunidade. “Que protesta? E a quen?”.

Outro aspecto salientable é que unicamente o Camiño Francés e a Vía Künig contan con guías para o peregrino, o Códice Calixtino e a obra do monxe alemán respectivamente. “Ter unha guía é importante. É un Camiño con cinco edicións da guía, é obvio”.

Evidencia documental

Mapa dos camiños medievais de Elisa Ferreira Priegue
Mapa dos camiños medievais de Elisa Ferreira Priegue

Javier Gómez explica que nas dúas semanas que levan investigando acharon dez “referencias documentais a estabelecementos ou mencións ao Camiño”. Entre elas, hai un litixio de 1798 en Campo de Árbore, Becerreá, con dous exemplares dun mapa no que aparece sinalado o Camiño Francés Antigo. Outros dous documentos citan propiedades que lindan coa ruta na zona de Vilartelín a Baralla. “E temos outros documentos sobre hospederías e enfermerías de peregrinos en Liñares e en Furco [Becerreá]”.

As referencias foron atopadas nun curto espazo temporal, mercé ás primeiras exploracións dun equipo de sete persoas. “Hai moitísimos datos. Imaxínate no ano que imos a empregar. E toda a documentación de Penamaior está sen ler”. Gómez refírese ao Mosteiro de Penamaior, no límite entre Becerreá e Baralla, que foi “creado para facilitar o paso aos peregrinos”.

Intereses económicos

Firma do convenio entre a directora de Turismo, Nava Castro, e os representantes de Monterroso, Palas de Rei, Portomarín, Pedrafita do Cebreiro e o resto de municipios polos que atravesa o Camiño Francés | Xunta de Galicia

Este historiador foi un dos arqueólogos que participaron da campaña do Camiño Primitivo. Foi responsable da prospección nos concellos de Toques e Melide, contratado pola Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e os propios concellos. “Fixen un traballo semellante ao que estou facendo, e non tivemos oposición. Pero é obvio: se este Camiño comeza a funcionar, hai un problema económico”.

Malia estes intereses cruzados, Gómez considera que a masificación do Camiño Francés debe servir para repartir e devolver a esencia orixinal á ruta. “En Portomarín non das comido, en Triacastela os peregrinos van en fila india”. E esta circunstancia agravarase no Xacobeo 2021, cando está prevista a chegada de 700.000 peregrinos. “Aínda repartindo un trinta por cento, hai para todo o mundo”.

“Eu son historiador,  nunca inventaría un Camiño. Eu interpreto. E este Camiño é obvio”. Para ilustrar a situación, lembra que no Centro de Interpretación da Xunta de Galicia en Lugo –na Praza do Campo– hai un mapa que sinala a Vía Künig. “E está a portada da guía da Künig!”. “Nós somos científicos antes que todo. Seguiremos para adiante, e nuns meses presentaremos un informe co trazado, coa documentación, que será grande. E se a cosa non vai ben, non imos inventar”.

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...