InicioSucesosCatro detidos nunha operación contra a manipulación da quilometraxe en vehículos de...

Catro detidos nunha operación contra a manipulación da quilometraxe en vehículos de segunda man

Contabilízanse ata o momento 30 vítimas

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Policía Nacional e a Garda Civil, nunha operación conxunta, desarticularon en Lugo unha organización delituosa dedicada a manipular a quilometraxe de vehículos de segunda man. Foron detidas catro persoas.

A operación Route101/Rumatrix, iniciada o pasado ano na provincia de Lugo, saldouse ata o momento, con catro detidos residentes actualmente na capital lucense, como presuntos autores dos delitos de estafa, falsidade documental e pertenza a grupo criminal. Contabilízanse ata o momento 30 vítimas.

Segundo informou a Policía, a operación iniciouse por mor dunha denuncia interposta ante a Garda Civil por un particular que comprara un vehículo ao que lle rebaixaron substancialmente a quilometraxe.

Con esta manobra, os agora detidos aumentaban considerable e artificialmente o valor dos vehículos que vendían e as súas ganancias. Ademais, falsificaban a súa documentación co fin de dar máis credibilidade á súa actividade. Con estes ilícitos, os axentes estiman que poden obter uns beneficios de centos de miles de euros.

Esta manobra ilegal permitíalles adquirir automóbiles de segunda man polo seu valor de mercado e, “tras o ‘lifting’ operado nos seus odómetros, púñanos de novo á venda por un prezo máis elevado, aínda que igualmente moi atractivo para os compradores”, apunta a Policía.

Na inspección da nave industrial onde almacenaban e reparaban os vehículos de segunda man comisáronse cinco vehículos que estaban a ser retocados para a posterior venda, así como instrumental profesional de diagnose para a súa manipulación electrónica. No marco desta operación policial efectuáronse tamén dous rexistros en inmobles nos que se incautaron máis de 6.500 euros.

MÁIS DE 30 VEHÍCULOS MANIPULADOS

Tras o estudo da documentación incautada, detectouse a manipulación dos contaquilómetros de numerosos turismos e furgonetas que foron vendidos ao longo do territorio nacional. Tamén se comprobaron e detectaron vehículos de importación de alta gama procedentes de países como Rumania, Bélxica, Alemaña e Francia. En total, verificáronse máis de 30 vehículos afectados.

A operación levouse a cabo de maneira conxunta por parte da Comisaría da Policía Nacional de Lugo, coa colaboración de Guías Caninos da Xefatura Superior de Policía de Galicia, que foron os que atoparon o diñeiro escondido en diferentes zonas das vivendas e as unidades de Radiopatrullas da Comisaría Provincial, ademais da Garda Civil de Burela.

+ posts

ÚLTIMAS

Alberto Caldeiro di non ser “a persoa indicada” para entrar na corporación de Lugo

O número 12 da candidatura de PSOE de Lugo, Alberto Caldeiro, evitou descartarse este...

O PP de Pol apunta que o goberno local está “esgotado” e denuncia ameazas á voceira ‘popular’

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, subliña que “o goberno de Lino...

Comezan as obras na estrada provincial que une Castro de Rei con Rábade

A Deputación de Lugo iniciou as obras de mellora da estrada que une Castro...

As cámaras da M-30 amosan aos acusados da morte do médico lucense “coma se fosen coches de Fórmula 1”

As imaxes das cámaras de seguridade da M-30 gravadas a mañá do 25 de...