InicioCulturaA territorialidade cultural do Bierzo, ausente no estudo sociolingüístico

A territorialidade cultural do Bierzo, ausente no estudo sociolingüístico

A clara delimitación xeográfica do Bierzo contrasta co escaso recoñecemento da particular realidade idiomática da comarca, onde o galego queda subordinado

PUBLICADA O

- Advertisement -

JAVIER LAGO MESTRE | Os territorios estremeiros de lingua galega poden ser considerados desde a Galiza administrativa dun xeito mellorábel. Hai un tratamento territorial que non gusta especialmente ao Bierzo. Nos estudos filolóxicos e sociolingüísticos O Bierzo non existe ante o protagonismo da provincia leonesa. Para comprender esta queixa vexamos algúns exemplos.

Se repasamos os diversos estudos dialetolóxicos comprobamos que O Bierzo non consta neles e si a referencia a León. Así acontece nas investigaciois de Zamora Vicente sobre a frontera entre o galego e mailo leonés “en la provincia de León” (1945). Carvallo Calero determina as súas 4 modalidades do galego sobre puntos  lingüísticos da provincia leonesa (1969). Ramón Mariño, na Historia da lingua galega, comenta que “nas zonas de lingua galega de Asturias, León e Zamora, onde viven aproximadamente 75.000 personas”  (1998). 

Noutra investigación sobre a lingua galega do alumnado teiman “nas franxas occidentais de Asturias, León, Zamora” (1992). Polo que toca a Fco. Fernández Rey tamén se refire a “o uso do galego en Asturias, León e Zamora” ou ao galego “na fanxa leonesa” (1998). Ana Seco Orosa ten un traballo titulado “O trazado da frontera do galego na provincia de León” (1998). Máis recentemente, Xosé Costas Glez. publicou un libro sobre os xentilicios, no cal atopamos a distribución deles segundo as provincias de Asturias, León e Zamora (2016).

Todos estes exemplos poden ser considerados pouco precisos. Cremos que non asumen a presenza do Bierzo. Falta o recoñecemento territorial axeitado porque caen nun provincialismo centralista alleo. Queremos chamar a atención sobre estes prexuizos inconscientes que fomentan a subordinación administrativa e cultural do Bierzo.

Zona de produción de uva | Bierzo Denominación de Origen
Zona de produción de uva | Bierzo Denominación de Origen

Convén dicir que as instituciois leonesas, Deputación provincial, universidade ou concellos, non teñen ningún interese  polo galego do Bierzo senón pola lingua leonesa. Entón ¿ a que vén ese protagonismo comentado dado á provincia leonesa?. León non é referente administrativo nin cultural para o galego. O Bierzo, as nosas instituciois e os falantes son os protagonistas da defesa e o fomento do galego.

Por certo, O Bierzo é un territorio cunha clara delimitación xeográfica. Desde 1486 foi considerado como provincia. Esta declaración institucional existíu ao longo de toda a Idade Moderna. Incluso foi provincia liberal en 1822 para logo ser suprimida e integrada na leonesa.  Depois a nosa vella provincia foi tamén dividida en dous partidos. Houbo un recoñecemento territorial coa mancomunidade da Comarca de Ponferrada (1969). E por fin tivo lugar a creación legal da Comarca do Bierzo en 1991.

Todo o dito é serve para reafirmar que O Bierzo ten un recoñecemento territorial, institucional e identitario especial que debe ser respeitado. Non acontece o mesmo coas outras comarcas estremeiras galegofalantes de Eo-Navia, As Portelas e Val das Ellas. Igualar, por descoñecemento, territorios tan diferentes provoca equívocos e desconfianzas. 

Para favorecer a irmandade cultural e lingüística entre Galiza e O Bierzo convén un mellor coñecemento mútuo. O Bierzo ten loitado históricamente por acadar un maior recoñecemento territorial e bilingüe. Velaí que non se admita ben ese comprobado ocultamento do Bierzo fronte á relevancia da provincia leonesa. Ademais, levamos séculos falando galego sen o abeiro das  instituciois foráneas. Tanto a Deputación leonesa coma a Junta de Castela e León non son protagonistas na proteción do galego senón O Bierzo. 

ÚLTIMAS

Catro axentes sacan a pulso un home que estaba en perigo na ponte de Carballedo

A Garda Civil informou dunha intervención humanitaria na presa de Os Peares, no termo...

Detido en Lugo por atracar dúas veces no mesmo día a un vendedor do ONCE

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Lugo detiveron a un home como presunto...

Un voitre negro rescatado en San Froilán volve voar libre nos Ancares

A Xunta liberou, esta fin de semana, na zona dos Ancares un exemplar de...

Lugo, entre as provincias con maior volume de enerxía renovable non aproveitada, segundo un informe

España é un dos países europeos máis afectados pola conxestión da rede eléctrica, o...