InicioPolíticaArrinca o xuízo por ameazas dun veciño a Rubén Arroxo, que acusa...

Arrinca o xuízo por ameazas dun veciño a Rubén Arroxo, que acusa o PP de “expandir unha onda de odio”

O nacionalista sabe que o proceso "será longo", pero o importante "é que imos explicar todo o sucedido para tentar frear este tipo de condutas", explica.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O tenente de Alcalde de Lugo, o nacionalista Rubén Arroxo, compareceu este xoves ante o xuíz en relación á denuncia que interpuxo contra un veciño da localidade por ameazalo de morte en redes sociais. Á súa entrada, confiou en que este sexa “un punto de inflexión” para erradicar unha “onda de odio” da que responsabilizou, entre outros, ao PP local.

Arroxo tachou de “inadmisible” condutas ameazadoras en redes sociais e pintadas e alertou de que existe un “aval” por parte de diferentes grupos sociais e institucionais. “En Lugo hai xente que se dedica a mandar unha serie de mensaxes de odio que provocan que individuos como este se sintan apoiados para ameazar libremente”, dixo, “por unha banda o PP de Lugo e por outra os autoproclamados como representantes dos veciños”.

En concreto, o nacionalista sinalou directamente “un concelleiro popular que curiosamente sempre está no medio destas historias”. Rubén Arroxo explicou que hai cinco meses as primeiras pintadas “ameazantes” empregaban “os mesmos termos que este concelleiro nos seus perfís sociais”. “Casualmente, tamén, estas mensaxes ameazantes aparecen no seu taboleiro de Facebook”, engadiu.

Por iso, o denunciante instou o PP de Lugo a que se pare “a pensar que están a facer para expandir esta onda de odio que se basea en discrepancias ideolóxicas”.

CARGA CONTRA A ASOCIACIÓN DE VECIÑOS

Outra das agrupacións que, desde o seu punto de vista, alentan a estas condutas “violentas” é a Asociación de Veciños de Lugo. “Este individuo (o denunciado) ademais de ser militante do PP era membro da Asociación de Veciños de Lugo, agrupación que nada máis entrar no goberno se dirixiu a nós sempre con violencia verbal e agora vemos o que pasa”, dixo o concelleiro.

Arroxo sinalou claramente a Jesús Vázquez, presidente da Asociación, por difundir “unha mensaxe de odio continuado polo mero feito de non tratalo como un privilexiado, se non como un veciño máis, o que termina provocando que estes elementos (polo denunciado) acaben aparecendo”.

No entanto, a cabeza visible do BNG en Lugo recoñece ter apoio tanto de veciños como de membros da corporación “de todos os partidos” e puxo en valor “a disputa política desde o respecto”. Hoxe iníciase o proceso de instrución dun caso denunciado hai algo máis dun mes. O nacionalista sabe que “será longo”, pero o importante “é que imos explicar todo o sucedido para tentar frear este tipo de condutas”, resolveu.

ÚLTIMAS

Protesta cidadá en Parga pola falta de médicos durante o mes de decembro

Veciños e veciñas de Guitiriz, xunto coa corporación municipal, concentráronse este venres fronte ao...

Os xulgados de Lugo poñen en marcha unha nova campaña solidaria de alimentos para bebés

O Decanato dos xulgados de Lugo comeza este venres e ata o próximo día...

O alcalde de Lugo e a concelleira María Reigosa negan unha “crise interna” e levarán xuntos Medio Rural

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a concelleira María Reigosa compareceron este venres...

Unha balsa ilegal de xurros causa unha catástrofe ambiental no Landro

A Garda Civil investiga ao administrador único dunha explotación gandeira situada en Muras como...