O avogado da extitular do Xulgado de Instrución número un de Lugo, Pilar de Lara, Agustín Azparren, aprema o Tribunal Constitucional a que resolva o trámite de admisión do recurso contra a sanción que lle impuxo o Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) á maxistrada por dilacións indebidas nas múltiples causas que levaba neste xulgado.
Despois de case un ano de que se presentase este recurso de amparo ante o Constitucional, en novembro de 2021, Azparren agarda a ver “se despois do verán hai algunha novidade”. “O número de recursos de amparo é bastante considerable e neste caso está pendente o trámite de admisión, e si que é verdade que é bastante tempo”, lamenta.
A ex-xuíza do número un de Lugo foi apartada do seu xulgado por dilacións indebidas nas moitas operacións que instruíu, como é o caso da operación Carioca, sobre redes de prostitución; a Pokémon, sobre mordidas a políticos por adxudicacións; ou o Garañón, ao redor do urbanismo na cidade de Lugo.
Unha vez suspendida a xuíza, conseguiu destino nun xulgado de Ponferrada, á espera de que se resolva o seu recurso ante o Constitucional, o cal, de non ser favorable aos seus intereses, a conduciría ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
Sobre a polémica entre Goberno e PP pola renovación dos distintos órganos xudiciais, non cre que estea detrás desta demora. “Non creo que teña nada que ver en materia disciplinaria. Á parte deste recurso tamén teño outro que se expón por falta de lexitimación do Consello Xeral do Poder Xudicial (argumento que se trasladou tamén con respecto a Pilar de Lara) por non estar nomeados os vogais xudiciais polos xuíces”, subliñou.