InicioPolíticaO Concello de Lugo aproba o seu plan xeral de urbanismo na...

O Concello de Lugo aproba o seu plan xeral de urbanismo na súa totalidade tras 24 anos de espera

O 5% que restaba por aprobar da PXOM saíu adiante co voto a favor de PSOE e PP.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo aprobou a totalidade do seu plan xeral de ordenación municipal (PXOM), do que restaba por sacar adiante o 5% do documento, que recibiu luz verde por parte do pleno municipal este xoves grazas aos votos de PP e PSOE.

Despois de que a votación non saíse adiante no intento da semana pasada, o cambio de postura do PP foi clave para a aprobación da totalidade do plan, que queda pendente da ratificación da Xunta. O grupo do BNG, socios do PSOE no goberno, votou en contra do documento e Ciudadanos volveu optar pola abstención.

Tras absterse na votación de hai unha semana, os populares optaron nesta ocasión polo si, postura que a súa viceportavoz, Antonio Ameijide, xustificou como unha mostra da “política útil” da súa formación.

“Quedamos cun sabor agridoce porque aínda que é positivo dar carpetazo a este asunto, e suporá unha boa noticia para moitos lucenses, non podemos esquecernos de moitos outros cidadáns, con nomes e apelidos, que pola incapacidade e falta de traballo deste bigoberno durante esta eterna tramitación de máis de dúas décadas, viron os seus proxectos truncados”, declarou Ameijide, segundo recolle un comunicado de prensa.

Pola súa banda, a rexedora luguesa, Lara Méndez (PSOE), mostrou a súa satisfacción polo paso dado, que permitirá “dinamizar a economía da cidade”. “Lugo é cidadanía, para as persoas; e non as súas políticas de espectáculo que só lle compran os seus militantes”, aseverou a socialista en alusión aos populares.

Durante a súa intervención no pleno, a alcaldesa referiuse á disparidade de criterio sobre a PXOM explicitado entre os socios do seu goberno. Neste sentido, subliñou que PSOE e BNG teñen “un acordo programático” que se comprometen a cumprir de aquí ao resto de mandato, que finaliza nun ano.

En canto ao BNG, o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, xustificou a postura do seu grupo como reflexo da “coherencia” da formación frontista durante a tramitación do plan xeral. “Continuaremos apostando por un modelo de cidade sostinible, que vaia da man coa realidade do concello e que sexa verdadeiramente últil para as veciñas e veciños de Lugo”, incidiu o nacionalista.

ÚLTIMAS

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia celébrase en Lugo por primeira vez como Ben de Interese Cultural

A cidade de Lugo acolle este domingo, 29 de xuño, unha nova edición da...

Os senadores do PP por Lugo reclaman explicacións ao Goberno central polo rexeitamento de axudas ao proxecto de Altri

Os senadores do PP por Lugo piden explicacións ao Goberno central sobre "o trato...

Tomé dá por resolta a crise no PSOE de Lugo: “Foi unha situación insólita”

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, deu por resolta a crise no PSOE...

O alcalde de Lugo Miguel Fernández toma as rendas do PSOE local

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, foi elixido secretario xeral do PSOE local, en substitución da edil...