InicioSociedadeA xornalista lucense Érika Reija recolle o XVIII Premio José Couso

A xornalista lucense Érika Reija recolle o XVIII Premio José Couso

O traballo da correspondente de TVE foi recoñecido polos seus compañeiros de profesión con este galardón que entrega o Club de Prensa de Ferrol.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A xornalista lucense Érika Reija, correspondente ata hai unhas semanas de TVE en Rusia, recibiu no mediodía deste sábado o premio que a acredita como gañadora da XVIII edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, convocado cada ano polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol.

Nun acto desenvolvido no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, presidido polo alcalde desta cidade, Ángel Mato (PSOE), Reija asegurou que é a súa intención “regresar a unha Rusia máis libre” e dedicou o galardón aos xornalistas independentes deste país e aos informadores mortos, “especialmente na guerra de Ucraína”.

A xornalista de Televisón Española recibiu este premio grazas aos votos emitidos polos colexiados de colexio autonómico e aos socios do club ferrolán, tras ter que abandonar a correspondencia de Moscova da televisión pública tras a aprobación dunha lei que criminaliza o traballo xornalístico.

COLOQUIO

Érika Reija foi tamén a protagonista dunha recepción que se desenvolveu neste espazo municipal desde as 11,00 horas, onde se reuniu co rexedor ferrolán e con edís do Concello, ademais de con representantes das dúas entidades organizadoras deste premio, lugar no que a xornalista asinou no libro de ouro da cidade.

Posteriormente, participou nun coloquio conducido pola xornalista ferrolá Patricia Hermida, no que se trataron temas como a situación do xornalismo en Rusia, a cobertura informativa da guerra de Ucraína e os teitos de cristal da profesión.

Reija reivindicou a necesidade da igualdade na profesión e de que os medios “aposten por un tipo de cobertura que dea o tempo e os recursos para informar ben”. A xornalista quixo lembrar tamén o asasinato de José Couso, que lle “confirmou que quería facer ese tipo de información”, e tivo unhas palabras para Pablo González, detido en Polonia, pedindo que se aclare a súa situación e que se poida pór en contacto coa súa familia.

Por último, asegurou: “A pesar dos desencantos, sigo pensando que esta é a profesión máis fermosa do mundo”.

PREMIO

A continuación, o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz, entregaron o XVIII Premio José Couso a Érika Reija, que manifestou “sentirse privilexiada”. Pechou o acto o alcalde, Ángel Mato, quen agradeceu á organización o compromiso con Ferrol e destacou a importancia de ter uns medios de información independentes.

A celebración finalizou coa tradicional ofrenda floral na estatua ‘As Ceibes’ de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde Reija leu o texto ‘Na guerra da desinformación, fagamos que gañe a verdade’, redactado por ela mesma con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa.

No texto, fai un chamamento a volver ás orixes do xornalismo, ao primar “a calidade sobre a cantidade, as crónicas ben documentadas sobre os textos rápidos ou as conexións ininterrompidas que engaden máis ruído ou ideoloxía que unha información rigorosa, veraz e de valor”.

ÚLTIMAS

Scania busca persoal para o taller que abrirá no Polígono das Gándaras

Scania chega ao Polígono As Gándaras, lugar no que poñerá en marcha un novo...

Cortes ata o 4 de decembro na calzada esquerda da A-6 sentido Madrid por melloras

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable continúa coa execución das obras de rehabilitación estrutural...

Falece un cazador de 55 anos en Cospeito tras ser picado por velutinas

Un home de 55 anos de idade que responde as iniciais J.I.P. faleceu a...

Atraco a punta de pistola na Caixa Rural de Cervantes

Un home armado cunha pistola atracou á primeira hora deste venres a sucursal do...