InicioCulturaManuel Curiel: “Lugo foi sempre unha cidade moi interesada no cine”

Manuel Curiel: “Lugo foi sempre unha cidade moi interesada no cine”

O director da 40.ª Semana Internacional do Cine de Autor de Lugo, que comeza este luns, repasa a historia dun popular certame con delicada saúde económica

PUBLICADA O

- Advertisement -

Manuel Curiel (A Fonsagrada, 1948) leva catro décadas integrado no Grupo Fonmiñá, e dende un xa lonxano 1979, é responsable de dirixir a Semana Internacional do Cine de Autor de Lugo. Malia o importante esforzo persoal e económico que supón a celebración do certame, que celebra dende este luns a 40.ª edición, continúa movido pola fidelidade do público lucense. Por iso insiste en agradecer a acollida dos tres mil cincocentos nenos que acoden durante a mostra ao Auditorio, e en especial, a aqueles que comezaron hai corenta anos, e que sendo agora pais e avós, levan os nenos á mostra de cinema.

Corenta edicións son todo un fito. E vostede viviunas todas dende moi preto.

Vivinas todas. Empecei coa primeira no ano 1979 e estamos en 2018, dirixín as corenta Semanas de Cine. Economicamente empezamos con 500.000 pesetas daqueles tempos, que eran moitos cartos. Fixemos a 1.ª Semana do Cine con esas 500.000 pesetas que nos deu o Ministerio de Cultura; ao ano seguinte non tiñamos pensado facela, pero reunímonos e dixemos, é unha pena que isto non siga, polo menos intentaremos facer outro ano e pedir axudas por aí. Así fixemos a segunda, e logo a terceira, a cuarta…

O difícil para nós sempre foi a cuestión económica, as institucións axudan, pero axudan daquela maneira. Penso que corenta anos que están aí, con sete mil espectadores cada ano, coido que habería que ter máis interese polo festival de cine de Lugo.

Houbo algún momento no que a Semana do Cine estivera a piques de non celebrarse?

Todos os anos. Cada ano dicimos a ver se chegamos, porque vimos arrastrando unha débeda económica dende hai dez anos e claro, vai facéndose máis grande, non sei se chegará un momento en que romperá. Estamos traballando con cuartos dos nosos petos, as subvencións chegan tarde e mal, e imos tirando co que temos. A historia da Semana do Cine queda reflictida nun libro que imos editar este ano, no que se fai un estudo pormenorizado destes corenta anos en Lugo.

Son, ademais, corenta anos vencellados ao percorrido do Grupo Fonmiñá, que non se adica unicamente ao cinema.

Nós comezamos coa fotografía; cando o Grupo Fonmiñá naceu en 1978, viña da fusión da Asociación Fotográfica Lucense, e a idea era seguir adiante co tema fotográfico, non incluír o cine. Pero foi coa axuda do Ministerio cando decidimos que tiña que haber cine no Fonmiñá. Foi o ano que eu entrei no Grupo, e dende aquela estou metido coas catro persoas que levamos o peso do festival.

Todos os anos son especiais, pero este ano será a homenaxe a Rosario Durcal. Como viven este momento?

Tratamos todos os anos de editar un libro dalgunha persoa vencellada co cine de Lugo ou alomenos en Galicia, que tivera unha parte relacionada con Lugo. Adicamos este ano a Rosario Durcal, que naceu aquí na Ronda dos Caídos, na Ronda da Muralla á altura da Porta de San Fernando. A súa carreira foi practicamente toda en América, especialmente en México. Editamos este libro, estará connosco o seu fillo, dous ou tres días en Lugo, a medidados da semana.

Cal é a relación de Lugo co cinema?

Lugo sempre foi unha cidade interesada no cine. Ten en conta as salas de cine comercial que hai, estamos en dezaséis salas, oito e oito; son quince mil habitantes por pantalla. Está interesada no cine ao longo do ano, foi sempre moi cinéfila, e de feito traballan outras asociacións que se adican a facer cine, coma a Valle Inclán.

Con esta actividade, poderían recorrer á axuda da cidadanía de Lugo para aliviar a carga económica do festival?

Os cidadáns xa lles esiximos bastante. Nos próximos quince días están obrigados a ver as 165 películas que imos pasar. Polos cidadáns, polo público estamos nós aí, se non fora pola súa axuda, polo seu convencimento, por esas sete mil persoas que se achegan cada setembro a ver as películas… obrígannos a seguir na organización do festival. Por eles o facemos.

A 40.ª Semana do Cine presenta un número moi elevado de filmes. Que criterios determinaron a escolla?

Comecei no mes de marzo. Traballamos con dúas plataformas dixitais, Click For Festivals e Fest Home. Abrimos a convocatoria o 15 de xaneiro, cando comezan a chegar películas, e pechámola a mediados de maio; pasamos das mil cincocentas películas. E somos catro persoas a ver e seleccionar para quedar con estas 165 que imos pasar.

É un traballo difícil de levar, poque hai que ver moita película e moita curta, internacional, pór subtítulos a películas de todo o mundo. Despois, ten o premio de velas agora todas seguidas, ofrecidas ao público de Lugo.

Este ano hai algunha tónica nos filmes?

Tocaremos practicamente todos os xéneros. Que pasa? Que facendo corenta anos, unha semana parecíanos pouco. Fixemos unha selección moi grande, abranguendo todo tipo de xéneros e historias. Así que serán dúas semanas de festival con películas que en todos os festivais aos que acudiron levaron os seus premios, hai películas premiadas en todas as xornadas que presentamos.

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...