InicioTerra CháMurasMuras non gaña diñeiro por ter os eólicos no concello

Muras non gaña diñeiro por ter os eólicos no concello

Presentan un informe que destaca que a nova renda eólica "non permitiu correxir os problemas estruturais en poboación, renda, emprego" deste concello.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Os nosos veciños e veciños están igual ca antes malia o impacto que veñen sufrindo. Non hai ningún concello en toda España que se mova nas cifras de Muras: 1,6 MW por quilómetro cadrado instalados, cando a media da comunidade galega son 0,14 MW”. Son as duras críticas que realizou o rexedor de Muras, Manuel Requeijo, con varios parques instalados no concello.

O rexedor murense fixo estas declaracións hai uns días na presentación dun estudo encargado a dous investigadores e docentes da Universidade de Vigo sobre o impacto que teñen os parques eólicos no municipio chairego, o que máis aeroxeradores ten en Galicia.

A media que percibiron os mureses polo alugueiro dos seus terreos para a colocación dos muíños é do 1,5%, moi inferior ao resto de Galicia, porque noutras zonas é do 3%. Por riba dende 2010 a Xunta recadou nos parques eólicos de Muras 2,2 millóns de euros, dos cales o Concello só percibiu unha cuarta parte, 500.000 euros ao ano.

Os autores de “Enerxía eólica en Muras: análise do seu impacto territorial, económico, ambiental e enerxético” son Xavier Simón e María Montero, docentes de Economía Aplicada e Macroeconomía na Universidade de Vigo e expertos en renovables. “Terra Chá é motor da enerxía eólica en Galicia pero desgraciadamente esta nova renda non permitiu correxir os problemas estruturais en poboación, renda, emprego, non atopamos indicadores que nos permitan afirmar que houbo unha relación positiva entre investimentos eólicos, produción de enerxía renovable e cambio nas condicións de vida dos veciños”, dixo Xabier Simón.

Simón e Montero forman parte do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia da Universidade, equipo que traballa para mudar o sistema socioeconómico poñendo o foco nas persoas e as comunidades e cunha dimensión ambiental e social. Tamén lidera o Observatorio Eólico de Galicia, o OEGA, que leva máis de 10 anos estudando os procesos vinculados cos parques eólicos no mundo rural galego.

ÚLTIMAS

Lugo convértese no epicentro do cine galego cunha ambiciosa programación previa aos Premios Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer en Lugo o programa de actividades...

Lugo aproba o anteproxecto de orzamentos locais previstos para 2026

A Xunta de Goberno local celebrada este mércores en Lugo deu o visto e...

Manteñen a pena de 26 anos para o autor do asasinato da lucense Cristina Cabo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena contra o home...

Restricións en varias estradas da Montaña de Lugo pola neve

O temporal de neve que afecta a boa parte da península tamén ten moitas...