Os datos de evolución da covid publicados este xoves pola Consellería de Sanidade reflicten que continúa a evolución positiva da pandemia en Galicia, posto que melloran todos os indicadores. Aínda que os novos contaxios volven estar por encima dos 300, seguen moi por baixo da media de casos da quinta onda. Ademais, a taxa de positividade das PCR (o número de positivos por cada 100 probas realizadas) continúa sendo inferior ao límite do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia. Con todo, Lugo é unha das áreas sanitarias nas que os indicadores están estancados ou empeoran.
Ademais, as infeccións activas continúan á baixa, con 293 negativos máis nas últimas 24 horas, e a presión hospitalaria prosegue lentamente na liña de alivio que viña marcando nos últimos días, con catro pacientes menos ingresados por covid nos hospitais galegos. Así, segundo eses datos (que reflicten información solicitada ata as 18,00 horas do mércores), nas últimas 24 horas rexistráronse 334 novos contaxios por Covid en Galicia, fronte aos 329 notificados un día antes.
Segundo notificou o Sergas, na última xornada detectáronse 59 novos contaxios na área de Lugo. De feito, os casos activos descenden en todas as áreas, excepto a de Lugo, onde se estabiliza con 1.402 infeccións (sen cambios), por detrás da Coruña, que continúa á cabeza da relación de casos activos, con 1.871 (122 menos).
PRESIÓN HOSPITALARIA
Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas horas contabilizáronse 53 pacientes en UCI (un máis que nas últimas 24 horas) e 153 hospitalizados en unidades convencionais (tres menos). Por áreas, a carga hospitalaria aumenta, aínda que levemente, nas áreas de Lugo, con 29 pacientes en planta (+6) e catro en UCI (sen cambios).