InicioSociedadeO TSXG rexeita a demanda de Lugo Monumental e avala a petición...

O TSXG rexeita a demanda de Lugo Monumental e avala a petición do certificado Covid

"Atopámonos ante unhas medidas de prevención que se adoptan nun contexto de emerxencia de saúde pública", advirte.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denegou a medida cautelarísima solicitada pola Asociación de Empresarios Lugo Monumental para que se suspendese a esixencia de achegar o certificado covid-19 para acceder ao interior de establecementos hostaleiros e locais de lecer nocturno, así como as restricións relativas á ocupación nas terrazas nos concellos con peor situación epidemiolóxica.

Entre outras medidas, nos concellos son máis incidencia da covid-19, a Xunta decretou varias restricións e obriga, para o acceso ao interior de locais de hostalaría achegar unha proba PCR negativa recente, ou ben o certificado de vacinación ou de superar a enfermidade. A Asociación Lugo Monumental recorreu esta decisión por vía xudicial.

Segundo informa o TSXG, dado que a tramitación das medidas cautelarísimas supoñen que non se dea traslado do recurso á Xunta, o tribunal acordou, co obxectivo “de non furtar á administración a posibilidade de facer alegacións e de atender á petición subsidiaria efectuada pola parte actora”, que se continúe a súa tramitación como unha peza ordinaria de medidas cautelares.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG entende que “non concorre o requisito da urxencia“, indispensable para adoptar a medida cautelarísima demandada, “xa que non se acreditou o concreto prexuízo infligido á asociación hostaleira recorrente nin o seu carácter de irreparable”.

Así, o alto tribunal galego destaca que, en todas as medidas adoptadas pola Xunta, incluídas as que son obxecto de impugnación, “subxace o interese en evitar a aglomeración de persoas, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento e, en definitiva, de protexer a saúde pública facendo fronte aos brotes e ás cadeas de transmisións existentes, procurando garantir a súa contención”.

“EVIDENTE FUNDAMENTO SANITARIO” DAS MEDIDAS

Os maxistrados resaltan que teñen “un evidente fundamento sanitario, dados os riscos de transmisión dunha enfermidade contaxiosa como é a COVID-19”. “Atopámonos ante unhas medidas de prevención que se adoptan nun contexto de emerxencia de saúde pública“, advirten.

Ademais, inciden en “a preocupante evolución do número de contaxios nestes últimos días na área xeográfica á que se estenden as medidas cuestionadas, afectando de forma predominante aos mozos, que é o grupo poboacional que frecuenta en maior medida as discotecas e demais locais de lecer nocturno, así como as cafetarías, restaurantes e bares”.

“A orde impugnada neste procedemento caracterízase non só pola limitación xeográfica á que van destinadas as medidas, senón tamén pola súa limitación temporal, en canto a súa eficacia queda condicionada ao resultado do seguimento e avaliación continua á que quedan suxeitas e, por tanto, en función da evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria”, indica o tribunal, á vez que insiste en que todas as limitacións “veñen avaladas por informes de autoridades sanitarias e dun comité científico”.

NON ENTRA A VALORAR A SUPOSTA VULNERACIÓN DO DEREITO Á INTIMIDADE

No auto, o TSXG non entra a valorar os argumentos da asociación respecto da suposta vulneración do dereito á intimidade da cidadanía ao ter que exhibir documentación de carácter sanitario, xa que é unha cuestión que non lle compete neste estado do procedemento, “no que non cabe ouvir á administración autonómica”.

Os xuíces lembran que, neste momento do procedemento, limitan a súa actuación “a comprobar a motivación e xustificación prima facie das medidas adoptadas”. Así, conclúen que non se acreditar a concorrencia das circunstancias de especial urxencia necesarias para a adopción da medida cautelarísima solicitada pola asociación.

ÚLTIMAS

O patrocinio dun clube de alterne no cartel dunhas festas volve xerar polémica en Outeiro de Rei

Un ano máis xurdiu a polémica en Outeiro de Rei pola publicidade que se...

Tres detidos tras desmantelar dous puntos de venda de droga en Lugo

A Policía Nacional detivo a semana pasada a tres persoas tras desmantelar dous puntos...

Ferido o condutor dun tractor tras caer por un desnivel nunha zona forestal de Becerreá

Un home resultou ferido este mércores tras unha caída desde un tractor, que acabou...

Ferido un motorista tras chocar contra un coche en Lugo

Un motorista resultou ferido na tarde deste pasado mércores tras chocar contra un coche...