InicioPolíticaA Deputación prepara a intervención administrativa sobre Suplusa

A Deputación prepara a intervención administrativa sobre Suplusa

Os servizos xurídicos da Deputación estudan o proceso de tutela de Suplusa, que podería estar resolto en dous meses de contar co prace dos expertos legais

PUBLICADA O

- Advertisement -

A sociedade urbanística lucense Suplusa é un ente subordinado ao goberno da Deputación de Lugo, así o certificou a xustiza. O executivo que preside Darío Campos pode atribuír ou retirar encomendas, mais non ten capacidade para retirar os medios propios ou disolver a empresa pública encargada da construcción das residencias da terceira idade, entre outras funcións. Iso é competencia do pleno provincial. Porén, existe un mecanismo que pode conducir á extinción de Suplusa: a intervención administrativa.

Este extremo comezou a explorarse hai dous meses, cando a Audiencia Provincial de Lugo tumbou a modificación dos estatutos da sociedade, que outorgara novas potestades ao Consello de Administración ata convertir a Suplusa nun auténtico contrapoder na provincia. A intervención xudicial frustrou un aparello que camiñaba dende a deslealdade institucional cara a compra de favores políticos con soldos públicos.

Pouco antes, o grupo socialista impulsara unha moción para a disolución da sociedade do solo que estivo a piques de saír adiante, mercé á expulsión durante o pleno de Manuel Martínez, alcalde de Becerreá, deputado non adscrito e presidente de Suplusa. A retirada dos deputados do Partido Popular frustrou aquela tentativa, pero desta vez non hai manobra posible.

No pleno, os populares e Martínez suman 13 representantes, un máis ca suma do Partido dos Socialistas de Galicia (10) e Bloque Nacionalista Galego (2). A proposta de suprimir Suplusa e integrar os traballadores na Deputación, como se fixo coa Fundación TIC, non pode prosperar. En consecuencia, o executivo conta unicamente co recurso á intervención administrativa, agora mesmo baixo estudo xurídico.

Así, os catro servizos legais adscritos á Deputación –Secretaría Xeral, Contratación, Intervención e Asesoría Xurídica– deberán dilucidar se a “situación de desgoberno” pode motivar a intervención administrativa. Fontes do goberno socialista confían nesta vía, que cualifican de “acto común na administración”, pois xa a empregou a Xunta de Galicia na Cámara de Comercio de Lugo. 

Devandita intervención suporá, en palabras da deputada socialista –e membro do consello de Suplusa– Pilar García Porto, que “os funcionarios pasarían a facerse cargo da entidade provincial para facela útil”. O proceso, asegura, é “fácil de entender”. Malia que a disolución sería un procedimento máis rápido, a deputada precisou que a intervención podería estar resolta nun prazo de dous meses.

O PP segue o xogo a Martínez cun acto non oficial na residencia da Fonsagrada

+ posts

ÚLTIMAS

A Deputación de Lugo carga contra a lei de administración local da Xunta por “debilitar” aos concellos

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, rexistrou un documento con máis de...

O BNG pide coñecer o estado dos 186 pisos da Sareb en Lugo e o seu traspaso á Xunta

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha serie de preguntas na...

Luz verde ambiental da Xunta á ampliación do parque empresarial do Corgo

A Xunta deu luz verde ambiental con condicións ao proxecto para ampliar o parque...

A presidenta da Deputación e o alcalde de Lugo supervisan as obras na avenida Adolfo Suárez

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Alcalde de Lugo, Miguel...