Centos de veciños congregáronse a tarde deste luns na Praza Maior de Lugo para recibir ao equipo de baloncesto do Breogán tras a súa subida á ACB, liga na que debutará a próxima tempada, tras gañar o pasado domingo ao CB Granada (57-83) no partido no que se xogaban o ascenso.
Os asistentes que se animaron a achegarse primeiro ao Pazo dos Deportes ou despois aos pés do Concello lucense celebraron a vitoria do equipo portando máscaras, aínda que a considerable afluencia na Praza Maior impedía manter a distancia de seguridade.
A recepción oficial aos xogadores e ao equipo técnico foi presidida pola alcaldesa, Lara Méndez, quen cualificou de “orgullo” para a cidade contar cun equipo “loitador” como o Breogán e “poder dicir que todo o esforzo realizado durante tantos meses, e nunhas circunstancias tan complexas, ten agora o seu recoñecemento”.