Máis de 320 empregados da Deputación de Lugo recibiron este martes os diplomas do plan de formación impartido pola institución para o proceso de promoción interna horizontal.
O presidente da Deputación, José Tomei, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e a deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, entregaron este martes os diplomas aos traballadores que completaron o plan.
Segundo destacou a Deputación de Lugo, trátase dunha acción pioneira entre as administracións públicas galegas polas súas características, xa que estivo dirixida a favorecer a promoción horizontal dos traballadores; e polas súas dimensións e alcance, xa que tivo acceso a metade do cadro de persoal de institución.
A entrega dos diplomas celebrouse este martes en tres grupos e completarase o vindeiro xoves, dado o elevado número de participantes e como medida de prevención da covid-19.
O presidente destacou o “compromiso claro da institución coa formación continua e de calidade dos traballadores e traballadoras co fin de dotalos de ferramentas para progresar na carreira profesional, e co obxectivo de seguir mellorando o funcionamento da institución, para que sexa máis eficiente, áxil, próxima e útil á cidadanía”.
