InicioCultura“Sempre quixemos que Librería Trama fose un sitio con actividade cultural”

“Sempre quixemos que Librería Trama fose un sitio con actividade cultural”

Carlos Coira, socio fundador da céntrica libraría de Lugo, repasa dúas décadas de actividade nun sector ameazado

PUBLICADA O

- Advertisement -

Apartada do tráfico dunha das arterias da cidade de Lugo, a Librería Trama (Avenida da Coruña, 21) é un sólido remanente dun sector removido trala aparición de internet. Mentres tenta redefinir o seu papel na era dixital, este emprazamento zumega actividade e acumula recoñecemento entre clientes e institucións. Carlos Coira rememora máis de dúas décadas deste  delicado establecemento cultural, movido dende os seus inicios pola paixón.

Como e con quen comeza esta libraría?

Fai vinte e un anos. Eu fixen Filoloxía, e a min e mais aos meus irmáns sempre nos apeteceu ter unha librería. Este local era da familia e tiñamos unha editorial, e decidín lanzarme. Abrina eu só, a miña cuñada comezou a traballar comigo e agora é socia, e temos outra socia máis e dous traballadores. Somos cinco, pero cando comezamos estabamos dous na librería, eu como dono e Begoña.

Fun un pouco inconsciente. Estaba medio neste mundo, coñeciamos a parte da editorial, dunha editorial pequena. Lanzámonos con moi poucos medios, montando os mobles e tendo apenas libros. E moitas ganas e paciencia.

Como é o cliente? E como evolucionou?

Evolucionou máis ben o número de clientes, ese é o truco. Ao principio o cliente era coñecido case exclusivamente, porque estamos agochados aquí. Chegar á Librería Trama, metidos na galería era unha cousa… Fíxome gracia que hai uns anos abriu unha academia, e na súa publicidade poñía Ao lado da Librería Trama. Ostras! Xa saben onde estamos.

Agora é certo que vén moita xente que son clientes habituais, amigos, e outros que veñen por primeira vez porque o escoitan por algún sitio. Hai uns anos déronnos o premio de Librería de Calidade, e entón houbo xente que se achegou.

Premio que é en parte debido ás conferencias que realizades aquí, que son un xeito de darse a coñecer.

Claro. Sempre quixemos ter unha librería con todos os libros abertos ao público, non un sitio cun mostrador no que preguntas por algo concreto, senón que poidas estar, sentar e ver. E que fose un sitio con actividade cultural. Comenzamos cos contacontos, porque as editoras tiñan os seus sitios de referencia para facer as presentacións. Agora case somos sitio de referencia; hai outros pero moitas editoriais e autores chaman para pedir a sala.

Estamos buscando un novo tipo de actividades. Hai presentacións que teñen pouco público porque se están a converter nunha especie de festa para celebrar que sacaches un libro. Novas actividades coma o club de lectura.

O libreiro ten que ser prescriptor para poder sobrevivir.

Salvo que teñas detrás unha empresa xigante cun departamento de marketing. Si que é certo que gran parte do noso traballo é saber que se está editando e ser capaces de recomendar e atinar cando alguén que entra pola porta pide unha recomendación. Hai xente que quere que un de nós lles recomende, non lles vale calquera.

E ás veces veñen a por un e saen con tres.

Tamén. Es prescriptor falando coa xente, poñendo cousas nas redes sociais, facendo os escaparates. Cando algunha gran editora pide que coloquemos  algo no escaparate, ás veces facémolo, pero normalmente tendo en conta que traen campañas de marketing detrás, é mellor que estean cousas descoñecidas –pero de nivel e calidade– no escaparate. Decidimos nós, é o que ten ser unha librería independente, que decides os libros de fondo.

Como é compartir internet con xigantes coma Amazon?

O problema de Amazon é que vai comer o mundo, non ten paraxe. Eu estou coa economía do ben común e isto é todo o contrario. No ben común fálase de ata onde podes medrar, e a partir de aí, que medre a sociedade. Non é só Amazon, son os centros comerciais. Estamos a converternos nunha sociedade na que o único bo para o consumidor é que sexa máis barato.

E se non é tan, tan barato, consegues que a xente teña soldos dignos, que os horarios sexan mellores. Cando nos deron o premio de Librería de Calidade, un dos puntos cos que non estaba de acordo era que tiñamos que ter un mínimo de horas abertos. Home, será mellor para a calidade poñer un máximo, porque significaría que tamén os traballadores teñen calidade de vida.

Todas as grandes empresas que ofrecen sempre o máis barato, a calquera hora do día… nós non contestamos nas redes fóra de horario. Temos que comezar a tirar polas cousas máis lentas, pensar onde estamos gastando os cartos. Ao final non resulta barato comprar o máis barato.

O reto é recuperar a ese consumidor que antepón o valor.

Hai cousas nas que non podemos competir. O libro electrónico vai funcionar á par que o físico. A min non me gusta chamarlle libro electrónico porque entendo que o libro é un formato físico, o outro é un arquivo de texto. Cando saíu o libro electrónico, ofrecéronnos o corner electrónico para vender lectores. Era un investimento máis ou menos grande. Pero vou implantar algo que cando funcione non vai contar comigo, porque non serei necesario? Porque vai da editorial ao lector sen filtro.

Eu non digo que haxa que mercar, ou que non poidas pagar pouco por ler. Hai bibliotecas. Pero o outro é algo no que non debemos competir. Eu traballo por dar un bo servizo.

Parte do éxito das plataformas dixitais é que tamén os clientes son prescriptores, a súa opinión queda rexistrada para dar confianza sobre un produto. Debería a librería dar máis protagonismo ao consumidor prescriptor?

Está claro. Imos reabrir a nosa web e hai un aparte no que os clientes poden escribir. Pero en internet estamos vivindo un momento de inmediatez, de si ou non, non hai medias tintas. Un comentario negativo pode afundir a un libro, a un libreiro, a unha empresa. Non nos paramos. É interesante que isto funcione, pero hai que ter en conta que ás veces non está suficientemente pensado.

Dentro da librería, empregamos a información que nos dan os clientes. Sería imposible que a min me gustasen todos os libros. Fíome do cliente en temas dos que non controlo. E temos o formato do club de lectura, que se xunta aquí, escolle libros para desgranar, saen outros libros. E estamos dentro das redes por todo o mundo, como Los Libreros Recomiendan, GoodReads. Hai moitos sitios nos que aportar e recoller información.

Iso si que cambiou coa chegada de internet, radicalmente. A información está aí e iso cambia a forma de traballar. Antes, buscar un libro que non tiña unha editorial era un traballo de investigación; agora tamén o é, pero chegas moito antes.

ÚLTIMAS

A redacción do proxecto para construír unha residencia na Pastoriza será financiada pola Xunta

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse co alcalde da Pastoriza,...

Abadín rexistra 62 litros por metro cadrado debido á borrasca Caetano

A borrasca Caetano, que este xoves obrigou a activar diferentes alertas laranxa e amarela...

Un bus urbano causa danos nunha vivenda en Lugo tras saírse da vía e un dos pasaxeiros resulta ferido

Un bus urbano de Lugo sufriu este xoves un accidente de tráfico e causou danos nunha...

Detida unha muller de 20 anos de idade tras tentar introducir marihuana no centro penal de Monterroso

A Garda Civil detivo a unha muller de 20 anos de idade, veciña de Pontevedra, como presunta...