InicioSociedadeReabre a hostalaría e levántanse os peches en case a totalidade da...

Reabre a hostalaría e levántanse os peches en case a totalidade da provincia

Sanidade permite as reunións de ata catro non conviventes agás naqueles concellos con máis de 500 casos nas últimas dúas semanas. Establécense tres niveis diferentes para un levantamento "gradual" das restricións e os desprazamentos só poderán ser entre municipios da mesma situación. Na área lucense, O Corgo, Guitiriz e A Pontenova son os únicos que non avanzan na desescalada.

PUBLICADA O

- Advertisement -

Galicia avanza na desescalada das medidas contra o coronavirus e comeza unha “apertura gradual e medida” das restricións segundo a situación epidemiolóxica de cada zona. A hostalaría, as reunións de non conviventes e a mobilidade quedará permitida (con limitacións) agás nos concellos con máis de 500 casos por 100.000 habitantes. Na provincia de Lugo, tan só os municipios de Guitiriz, O Corgo e A Pontenova están privados de avanzar nesta desescalada. 

Así o anunciou este luns o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, tras a reunión do comité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia. “Xa non estamos en risco extremo. A evolución está sendo certamente boa”, subliñou, en referencia a unha incidencia de 236 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días.

Esta situación permite, pois, seguir adiante na apertura de restricións, xa iniciada a semana pasada en seis ámbitos concretos.  A continuación detállanse as medidas que entrarán en vigor o venres 26 de febreiro.

PRIMEIRO NIVEL

Os concellos que presenten unha incidencia superior aos 500 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días seguirán coas restricións que estaban vixentes ata agora. Isto é, a hostalaría mantense pechada, non se permiten as reunións entre non conviventes nin tampouco a mobilidade fóra do concello.

En total, son 17 os concellos galegos que se ven afectados por estas restricións: Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, A Pontenova, Toques e Xunqueira.

SEGUNDO NIVEL

Neste nivel establécense medidas para aqueles concellos que teñan entre 250 e 500 casos por 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. Neste caso, poderá haber  reunións de non conviventes ata un máximo de catro persoas. A hostalaría poderá abrir as terrazas ao 50% da súa ocupación e tan só ata as 18:00 horas. Ademais, a mobilidade queda permitida entre concellos deste mesmo nivel (isto é, coa mesma incidencia a 14 días).

A maiores deses municipios, inclúense tamén aquí todos os das áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra por presentar unha peor situación. No caso destas tres zonas, a mobilidade queda restrinxida ao interior da área.

Na provincia de Lugo, atópanse neste segundo nivel Outeiro de Rei, Guntín, Baralla, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Taboada e Sober.

TERCEIRO NIVEL

Para os 189 concellos das áreas de Lugo, Ourense, Santiago e Vigo que presentan unha incidencia de menos de 250 casos por 100.000 habitantes a 14 días, as medidas son as seguintes. Permítense as reunións de non conviventes ata 4 persoas. A hostalaría abre ao 30% no interior (sen consumo en barra) e ao 50% no exterior ata as 18:00 horas. Así mesmo, poderá haber desprazamentos entre concellos deste nivel. A maiores, avánzase tamén na desescalada do ámbito deportivo: abren as instalacións deportivas e ximnasios ao permitirse tamén a actividade deportiva en grupo (máximo 4 persoas).

Neste nivel atópanse todos os concellos da provincia (incluído Lugo capital), agás os citados nos apartados anteriores.

PARA TODA GALICIA

Se ben as medidas anteriores non se aplican de maneira homoxénea en toda Galicia, hai dous ámbitos nos que si afectan por igual.  Por un lado, na actividade formativa: as clases universitarias serán presenciais a partir do 1 de marzo, tal como se decidira o luns pasado. Polo outro, os centros comerciais poderán volver abrir as fins de semana.

MÁIS ASUNTOS

O presidente da Xunta lembrou a importancia da responsabilidade individual ao asegurar que diso depende a situación epidemiolóxica. “Aínda quedan meses duros”, advertiu, “e non descartamos ter que volver atrás nas medidas”. De feito, non desbota endurecer as restricións durante a Semana Santa.

Segundo explicou, a partir de agora as decisións do comité clínico terán máis en conta a incidencia acumulada da última semana e dos últimos tres días (no canto de tomar como referencia a IA a 14 días) para así poder tomar medidas con maior axilidade. Desta maneira, abundou, tentaranse frear antes as cadeas de transmisión que tan axiña se estenden, máis aínda coas novas cepas. “Non hai dúbida de que a cepa británica xa é a predominante“, dixo Feijóo ao respecto.

ÚLTIMAS

O vindeiro pleno provincial aprobará as bases do Plan Deputación 2025, que sobe a 22 millóns

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou este martes que o pleno...

Ferido un conductor tras un choque entre o seu vehículo e un camión en Guntín

O condutor dunha furgoneta resultou ferido este martes tras chocar o vehículo no que...

O viaduto do Castro na A-6 estará operativo desde o 30 de decembro

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, anunciou este luns que o...