InicioAncaresA Deputación oponse a que Candín se chame Ancares: estes son os...

A Deputación oponse a que Candín se chame Ancares: estes son os seus argumentos

As alegacións do ente provincial remiten á "falta de rigor histórico", a unha "vulneración da lexislación" ou ao feito de que "Ancares é unha ampla realidade social" que engloba concellos de León e de Lugo

PUBLICADA O

- Advertisement -

A xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobou as alegacións que a institución provincial presentará ao acordo plenario do concello leonés de Candín para cambiar o nome do municipio e pasar a chamarse Ancares. “A Deputación de Lugo defende Os Ancares como unha realidade xeográfica e social que comparten as provincias de Lugo e de León”, subliñou o presidente da Deputación, José Tomé.

Deste xeito, o presidente explicou que as alegacións da Deputación recollen que o cambio de topónimo “vulnera a lexislación vixente, carece de fundamentación histórica rigorosa e completa, e ignora o feito incontestable de que Ancares é unha ampla realidade xeográfica, social, cultural, medioambiental e etnográfica que lle dá nome a un territorio no que se asentan municipios da provincia de Lugo e de León”.

As alegacións da Deputación están expostas e fundamentadas en tres informes técnicos que se adxuntan no expediente que a institución enviará a Candín, e que foron elaborados polos servizos provinciais de Asistencia Xurídica, Económica e Técnica aos Concellos, e de Medio Ambiente, e polo historiador Xabier Moure, do colectivo Patrimonio dos Ancares.

En base a estes argumentos, a Deputación solicita ao Ayuntamiento de Candín que arquive o expediente para cambiar o nome do municipio ou que, en todo caso, incorpore ao seu topónimo a alusión á súa pertenza a Ancares, pasando a denominarse Candín de Ancares.

O Presidente explicou que as alegacións da Deputación ao acordo plenario que adoptou Candín o día 16 de decembro para o cambio de topónimo e que ten en exposición pública baséanse en seis argumentos fundamentais.

CONTRA A LEXISLACIÓN

A primeira das alegacións remite ao artigo 24.1 da Lei 1/1998, de 4 de xuño do Réxime Local de Castela e León, onde se explicita que deberán respectarse as denominacións dos municipios existentes á entrada de vigor da lei, sen que poidan estes ser coincidentes ou producir confusións con outras do territorio do Estado.

A Deputación entende que, de seguir adiante co procedemento, o Ayuntamiento de Candín vulneraría esta disposición legal porque xa existe unha comarca recoñecida con este topónimo.

SEN RIGOR HISTÓRICO

Candín asegura que o nome de Ancares comezou a usarse nos anos 60 coa creación da Reserva Nacional da Caza, mentres que na parte galega xurdiría nos 90 coa aprobación do Mapa Comarcal de Galicia. Porén, o ente provincial recorre a documentación histórica que acredita o uso do topónimo Ancares para referirse á serra completa cando menos dende o ano 572. 

TODA UNHA COMARCA XEOGRÁFICA

Nas alegacións, tamén se explica que “Ancares dá nome a toda unha comarca conformada fisicamente pola Serra dos Ancares e polos seus accidentes xeográficos, non só un único municipio”.

REALIDADE SOCIAL COMÚN

O cuarto argumento que alega a Deputación é o de que “Ancares é unha ampla realidade social, cultural, medioambiental e etnográfica, cunha identidade propia e única, que comparte rasgos, e tamén retos e oportunidades comúns” que trascenden as fronteiras autonómicas.d

CANDÍN DE ANCARES

Aporta, ademais, unha alternativa: a de que Candín incorpore a denominación de Ancares como un engadido, non coma un total, e pase a chamarse Candín de Ancares.

DANO AOS INTERESES DE LUGO

Por último, a Deputación entende que “a apropiación do topónimo lesiona gravemente os intereses da provincia de Lugo, pero tamén do conxunto da comarca dos Ancares”. “Limitar o nome dos Ancares só ó municipio de Candín supón unha perda de oportunidades  para o desenvolvemento social e económico. Estariamos pechando a porta á colaboración e ás sinerxías das administracións, dos axentes que traballan sobre o territorio e dos veciños para o impulso de iniciativas que contribúan a aproveitar o potencial desta zona, pero tamén para afrontar os seus retos comúns, tales como a perda de habitantes, o envellecemento da poboación e o acceso aos servizos públicos”, argumentou o presidente.

ÚLTIMAS

Atraco a punta de pistola na Caixa Rural de Cervantes

Un home armado cunha pistola atracou á primeira hora deste venres a sucursal do...

Detido un home en Lugo por presunta agresión á súa nai

A Policía de Lugo detivo este xoves a un home, residente da rúa Tino...

A causa contra o loteiro de Lugo investigado por falsear un atraco, sen caso

A Fiscalía pediu o sobresemento provisional da causa aberta ao loteiro de Lugo acusado de simular...

Avogados piden unha xustiza máis próxima para as mulleres vítimas de violencia de xénero

Máis de 150 profesionais do ámbito xurídico e da igualdade déronse cita en Lugo...