InicioPolíticaDuras críticas do alcalde de Friol ao conselleiro de Medio Rural: "A...

Duras críticas do alcalde de Friol ao conselleiro de Medio Rural: “A ver se temos unha vacina contra el”

O rexedor popular ataca duramente ao conselleiro do seu partido por apostar por "ensaios" como as aldeas modelo e non investir nas necesidades reais do campo.

PUBLICADA O

- Advertisement -

“Xa con anterioridade á actual peste chamada Covid-19, hai máis de dous anos que no rural de Galicia comezamos a padecer unha epidemia non menos letal que a actual, esta última, con nome pero tamén con apelidos“. Así comeza a súa dura crítica o alcalde de Friol, José Ángel Santos, contra o “ourensán José González Vázquez”, conselleiro do Medio Rural. “Desde que se fixo cargo do departamento de Medio Rural da Xunta de Galicia moito do que ocorre nesta Consellería carece de sentido“, engade.

Nun artigo de opinión publicado no xornal Campo GalegoSantos cualifica de “ensaios” o anuncio do conselleiro de crear “aldeas modelo” no rural. “O custo será demasiado alto, o rural galego non precisa de ensaios que despois non se sabe como manter, inventando para iso métodos incongruentes”, asegura.

Neste sentido, critica que os “tecnócratas” desa consellería non tiveron en conta que a “maleza medra de novo” nunhas zonas que son desfavorecidas e que non son aptas para implantar ningún tipo de actividade agro-gandeira. “E moito menos o campo galego require de inversións en museos coa finalidade de que sexan a exhibición do noso rural, sendo xa de por si o propio rural galego o noso maior escaparate”, indica.

MEDIDAS DA CONSELLERÍA “CASE NULAS”

O rexedor de Friol di que desde a chegada deste novo conselleiro, as medidas que se materializaron son moi baixas, “por non dicir nulas” e asegura que esta nova proposta de José González é un “capricho que levarán ao ocaso definitivo do noso rural”. “A xustificación de dita reestruturación non pode ser outra que tratar de comprometer fondos para eses proxectos que desde a Consellería se consideran estrela, que non van supoñer nin desenvolvemento, nin asentamento, por ser algúns inviables, innecesarios ou pouco eficaces”, engade, ao augurar que estas “aldea modelo” serán un “fracaso rotundo do rural galego”.

Santos ten claro que os GDR son a forza motriz e o factor fundamental dentro do medio rural porque “crean e consolidan” emprego e coñecen “de primeira man” as necesidades do territorio. Por iso, pide que esas partidas orzamentarias da Xunta que quedan sen executar ou se destinan ás aldeas modelo ou creación de museos rurais sexan investidas nos GDR.

Avecíñanse malos tempos para o noso rural neste momento que estamos inmersos nunha pandemia sanitaria e tamén económica, en que non temos tempo para experimentos, debemos de ter xestores capaces de apoiar ao rural con medidas reais, directas e que teñan como finalidade impulsar o noso medio. Estou seguro de que acabaremos coa Covid-19 mediante a vacina que nestes momentos se está administrando, como tamén espero que pronto dispoñamos da vacina axeitada para tamén disipar a outra pandemia, polo ben do rural galego”, remata o artigo nunha velada alusión ao conselleiro.

OUTRAS CRÍTICAS

Non é a primeira vez que José Ángel Santos vai por libre. En 2018 pedía a dimisión do entón conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, por “non cumprir os compromisos” adoptados co seu concello. Máis recentemente tamén apuntaba contra o conselleiro do Medio Rural. En outubro pasado instábao a desbloquear “dunha vez por todas” a concentración parcelaria de dúas parroquias.

ÚLTIMAS

Deteñen a unha muller de 71 anos por introducir droga no cárcere de Monterroso

A Garda Civil de Lugo detivo a unha muller de 71 anos acusada dun delito de tráfico de...

A Policía Local de Lugo identifica a dous mozos facendo pintadas e a outro que esnaquizaba coches a fartar

A Policía Local de Lugo identificou a dous mozos sorprendidos mentres realizaban pintadas na mañá de...

Lugo realiza case 900 rexistros de rede de sumidoiros para controlar as pragas urbanas

O Concello de Lugo levou a cabo un total de 870 rexistros de rede de sumidoiros en nove...

A xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes 2024

A produtora cinematográfica Chelo Loureiro e a xerenta da Rede Museística Provincial de Lugo,...