O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, Cheché Real, mostrou a súa confianza en que o comité de expertos da Xunta suavice nos próximos días as restricións en Lugo e Vilalba, que se atopan nestes momentos no grao máximo de prohibicións.
Este mércores, Real cre que a evolución da pandemia en Lugo e Vilalba é positiva e que isto podería supor unha relaxación das restricións. “Penso que imos polo bo camiño porque os contaxios están a baixar”, sinalou o empresario antes de puntualizar que, no entanto, a decisión de “pasar á seguinte fase” corresponde ao comité clínico.
En canto ao “cribado” no sector que expón a Xunta de Galicia, o empresario lucense destacou que estas probas “non” son obrigatorias, aínda que considera que a súa realización pode “xerar máis confianza” entre a cidadanía á hora de acudir aos establecementos de hostalaría.
“Penso que é moi importante trasladarlle á clientela que eu como empresario, e os meus colaboradores, non temos ningún tipo de contaxio”, sinalou antes de apuntar que é ao Sergas a quen corresponde dar luz verde para o inicio das probas, algo que espera que se produza xa esta semana.
“Será o Sergas o que inicie o tema e logo a ver como se fai, se por medio das asociacións ou o Sergas chamando directamente aos establecementos. Non sabemos aínda, eu creo que nesta semana se vai aclarar rapidamente”, concluíu Cheché Real.
                                    