Axentes da Policía Local de Lugo ordenaron a retirada de catro vehículos de alta gama con matrícula temporal holandesa que estaban na Rúa Outono, traídos a España desde Bélxica.
Segundo informa a Policía Local, o que chamou a atención aos axentes foi que ditas placas solicítanse para realizar calquera xestión administrativa co vehículo, por exemplo para pasar a ITV cando está dado de baixa temporal, sendo válidas unicamente un día e o seu uso circunscríbese exclusivamente ao territorio holandés, non podendo circular o vehículo que as porte por ningún outro país.
A combinación alfanumérica da matrícula obtense gratuitamente a través de Internet e mesmo se pode imprimir un permiso de circulación temporal desde calquera impresora, carecendo de calquera medida de seguridade, podendo ser acuñadas en calquera taller sen ningún tipo de autorización especial, sen que presenten ademais código de homologación, sendo utilizadas nalgúns casos para, a través de Holanda, trasladar a outros países vehículos roubados e, despois, matriculalos nos países de destino.
Os titulares non presentan documentación algunha correspondente ás prazas que portan os vehículos, carecendo, ademais, do Seguro Obrigatorio de Automóbiles (SOA), motivo polo que foron denunciados e os vehículos retirados pola grua ao depósito, onde permanecerán inmobilizados ata que se regularice a súa situación en España.
Estes vehículos só poderán ser retirados por aqueles que acrediten ser os seus propietarios e previa matriculación en España, sen prexuízo das investigacións que levarán a cabo para confirmar que a procedencia dos vehículos sexa lícita, a través, se fose necesario, de Interpol.